6 de dezembro de 2009

Presentación dos blogues Promontorium Nerium e A Fraga dos Mouros





Fai escasas semanas, este blogue cumpría o seu primeiro aniño de vida; un ano no que foron publicadas xa 25 entradas, ao principio a un ritmo de un artigo por semana, e logo un pouquiño máis dispersas. Dende o primeiro tentei introducir contidos interesantes e amenos (aínda recoñecendo que a extensión dalgunhas entradas foi excesiva) para atraer a todo tipo de público.
O certo é que tiven unha acollida bastante boa por parte da sociedade da Costa da Morte en xeral e de Fisterra en particular. Son moitos os meus lectores habituais, moitos deles xente da cultura fisterrana (Xosé M. Velay, Modesto e Iván Fraga, Xan de Siso) que me honran coas súas visitas e os seus comentarios cada vez que publico un artigo. Outra visita célebre é a de Ubaldo Cerqueiro, redactor de quepasanacosta.com e que cristalizou, non hai moito, nunha amena entrevista para este coñecido xornal dixital da Costa. Tamén se publicitou este blogue en ofarodefisterra.blogspot.com (onde, para maior fachenda, se me proclamou como "nuestro historiador extraoficial") e foi recoñecido por tres persoas diferentes co Premio Dardos, distinción que loce con fachenda na columna lateral.
Dende a súa inauguración, Promontorium Nerium non deixou de recibir alabanzas por tódolos lados, e aínda que houbo algunha que outra polémica no seu seo, xa fose pola famosa Elección Histórica ou polos ataques dalgúns membros pouco contentos da cultura fisterrana, isto só serviu para acrecentar o seu nivel e o seu interese. Non esquezamos que, onde hai debate, hai pensamento; e onde hai pensamento... a cousa non vai mal de todo.
Todo isto ven a conto de que, precisamente mentres este blogue cumpría o seu primeiro aniño, recibiamos, eu e mailo meu compañeiro e amigo Iván Fraga, a noticia de que a Asociación Cultural e Musical A Crus de Baixar, cuio núcleo orixinario son, precisamente, os membros deste coñecido grupo folk da nosa vila, estaban interesados en que participáramos nas súas segundas Xornadas Culturais. Este conxunto de actos, artellados en torno ás datas do Nadal, constituen un importante atractivo cultural e de lecer para a Vila do Cristo, algo que sempre se agradece. Para min é un honor e unha fachenda enorme (e falo por min, aínda que de seguro Iván Fraga sentirá o mesmo) participar neste evento, aportando o noso gran de area. O noso obxectivo, desta volta, é o de actuar como representantes da cultura cibernética fisterrana, explicando nunha breve conferencia a aplicación dos novos medios á cultura da nosa vila e presentando, xa de xeito máis concreto, os nosos respectivos blogues. O motivo de que se presenten xuntos ámbolos dous blogues é que, como sabedes, Iván Fraga máis eu percorremos xuntos o camiño da rede fisterrana dende fai tempo (el dende antes, non se pode negar), e o noso hermanamento cultural é total e imperecedeiro, aínda cando esta afirmación soe un tanto épica e recargada. Non vos podedes perder tampouco, polo tanto, a presentación desa xoia en forma de blogue que é A Fraga dos Mouros, auténtica referencia artística para tódolos que amamos Galicia.
Tódolos actos integrados nestas Xornadas (e o noso, por suposto, non ía ser menos) terán lugar no local da asociación, onde a Rúa Federico Ávila desemboca na Frontera, ou para que todos entendades: o que dende as últimas décadas foi o Cómic, local mítico na movida fisterrana.
O acto terá lugar o día 12, ás 23 horas, e precederá ó monólogo humorístico de Marta Lado, o que espero que tamén sume puntos para que veñades (sexamos francos, as conferencias non apetecen os sábados pola noite). Outros actos que están programados son o espectáculo de monicreques "Pekeno Cabaret de Tolos" a cargo de Borja Ínsua (sábado 19, ás 23:30), un concerto de Carlos Rubio (sábado 19 despois dos monicreques), ou un taller infantil de fabricación de instrumentos musicais con refugallo, xa o día 3 de xaneiro ás 5 da tarde. O momento álxido das xornadas chegará o día 26 de decembro a partires da medianoite co concerto da Crus de Baixar, un evento que non vos podedes perder. O certo é que, desgraciadamente, cada vez é máis difícil ver en directo a este grupo, auténticos precursores da música tradicional galega na nosa vila. Podedes ver tamén o programa completo en quepasanacosta.com e en La Voz de Galicia.
En definitiva, que estades todos convidados á presentación dos blogues A Fraga dos Mouros e Promontorium Nerium no antigo Cómic ás 23 horas do día 12 de decembro. Nós abandonaremos temporalmente as nosas respectivas cidades de exilio para falar dos nosos blogues e para reflexionar tamén sobre o papel que xogan as novas tecnoloxías na cultura fisterrana. Gustaríame ver por alí a algún dos tradicionais visitantes deste blogue, aínda que sei que nalgúns casos será complicado. En fin, que espero que sexades moitos os asistentes, aínda cando este desexo resulte perigoso para o noso medo escénico. Sobreviviremos.

3 de dezembro de 2009

Manifesto en defensa dos dereitos fundamentais en Internet


O Goberno de España acaba de publicar un anteproxecto de "Lei de economía sostible", no cal aparece camuflada unha medida pola cal un equipo de censores podería defender os intereses dos autores e editores (véxase a SGAE) clausurando as webs, blogues e calquera tipo de espazo na rede de Internet que atente -segundo os entendidos- contra ditos intereses. Esta norma conseguiu xa unha gran oposición popular, acadando en páxinas e blogues de todo o Estado o número de 80.000 reproducións dun manifesto contra esta medida en a penas oito horas.

Dende Promontorium Nerium quero amosar a miña oposición radical a este anteproxecto de lei, adheríndome a este manifesto e reproducíndoo íntegramente nesta entrada. Os cidadáns, para os que di gobernar o equipo de Zapatero, temos que amosarnos opostos a calquera medida que atente contra os dereitos fundamentais, neste caso o de libre expresión e circulación de ideas. A SGAE, e tódolos seus defensores, non só están a levar a cabo unha campaña de presión social para controlar de xeito total a cultura en tódalas súas vertentes, apoiándose ademais en supostos económicos, o que resulta aínda máis vergoñento. A cultura non ten nada que ver coa economía. De feito, considero -e así o afirmo publicamente- que son dous conceptos plenamente opostos. Todos queremos vivir das nosas creacións, pero iso non implica en ningún caso que se teña que atentar sobre a libertade allea. Non esquezamos que os dereitos de cada un rematan donde comezan os dos demais. Por iso, dende Promontorium Nerium, proclamo: ¡¡CULTURA LIBRE!!


MANIFESTO EN DEFENSA DOS DEREITOS FUNDAMENTAIS EN INTERNET:

"Ante a inclusión no anteproxecto de lei sobre a economía sustentábel das modificacións lexislativas que afectan o libre exercicio das liberdades de expresión, de información e o dereito de acceso á cultura a través de Internet, os xornalistas, blogueiros, usuarios, profesionais e creadores de Internet manifestamos a nosa firme oposición ao proxecto, e declaramos que ...

1 .- Os dereitos de autor non poden estar por riba dos dereitos fundamentais dos cidadáns, incluíndo o dereito á privacidade, a seguridade, a presunción de inocencia, á tutela xurisdicional efectiva e a liberdade de expresión.

2 .- A suspensión dos dereitos fundamentais é, e debe seguir sendo, unha competencia exclusiva do Poder Xudicial. Nin un peche sen unha sentenza. Este anteproxecto, ao contrario do disposto no artigo 20.5 da Constitución Española, pon en mans dun corpo non xudicial, un organismo dependente do Ministerio de Cultura español, a potestade de poder impedir o acceso dos cidadáns españois a calquera páxina web.

3 .- A nova normativa vai xerar inseguridade xurídica en todo o sector tecnolóxico estatal, perxudicando unha das poucas áreas de desenvolvemento e futuro da economía española e dos países integrantes do Estado, dificultando a creación de empresas, introducindo barreiras á libre competencia, e trabando a súa expansión internacional.

4 .- A nova lexislación proposta ameaza aos novos creadores e dificulta a creación cultural. Coa Internet e os sucesivos avances tecnolóxicos democratízase drasticamente a creación e emisión de todo tipo de contidos que xa non veñen principalmente das tradicionais industria culturais, se non de moitas fontes distintas.

5 .- Os autores, como todos os traballadores teñen dereito a vivir do seu traballo con novas ideas creativas, modelos de negocio e actividades relacionadas coas súas creacións. Tentar de soster con modificacións lexislativas unha industria anticuada que non sabe adaptarse a ese novo ambiente non é xusto nin realista. Se o seu modelo de negocio se basea no control das copias dos traballos e na Internet non é posíbel sen violar os dereitos fundamentais, terán que atopar un outro modelo.

6 .- Cremos que as industrias culturais precisan para sobrevivir de alternativas modernas, eficaces, credíveles, accesíbeis e que atendan os novos usos sociais, en vez de limitacións tan desproporcionadas coma ineficaces para o fin que afirman perseguir.

7 .- Internet debe funcionar libremente e sen interferencias políticas patrocinadas por grupos que buscan perpetuar modelos de negocio obsoletos e impedir que o coñecemento humano siga sendo libre.

8 .- Demandamos que o Goberno español asegure por lei a neutralidade da rede no Estado, ante calquera presión que poda ocorrer, como un marco para o desenvolvemento dunha economía realista e sustentábel para o futuro.

9 .- Propoñemos unha reforma real dos dereitos de propiedade intelectual co fin de: retornar á sociedade o coñecemento, impulsar o dominio público e limitar os abusos das entidades xestoras.

10 .- Nunha democracia as leis e as súas modificacións deben ser aprobadas despois do debido debate público e de ter consultadas todas as partes implicadas. É inaceptable que se fagan modificacións lexislativas que afectan ós dereitos fundamentais nunha lei non orgánica e que trata doutro tema".

Contador de visitas


Contador web