12/12/11

ARTE CON HISTORIA: Insula, a vella aldea romana












A Ínsua é unha 
aldea milenaria 
chea de arte e de 
historia. Fica 
rodeada ademais 
dun entorno natu-
ral e paisaxístico 
dunha beleza 
indescriptible

Como unha sombra
vagamente esquiva
o silencio é memoria
dos días que suceden
efervescencia intacta da materia
da súa levidade
se callar primixenia


Modesto Fraga. Derrotas con raíces


No medio do balbordo e do estrés habitual do mundo moderno, aparecen ás veces lugares perdidos no tempo e na memoria que espertan en nós esquecidos sentimentos de nostalxia cara á natureza, cara ó que queda de libre e salvaxe en nós. E moitas veces, sen que nos percatemos, eses lugares están moito máis preto do que pensamos. No caso dos fisterráns, existen multitude de recunchos marabillosos que fican ó noso redor sen decatármonos, pois temos a sorte de habitar nun dos concellos mellor dotados pola natureza de todo o país. Ademais, a riqueza e intensidade da nosa historia fixo de nós un pobo cheo de contrastes, no que a modernidade e unha cultura anterga se mesturan nun fráxil equilibrio que sempre corre o risco de racharse. A Ínsua, nas faldras do Monte do Cabo, é un deses lugares onde a historia e a tradición loitan con unllas e dentes para defendérense dunha modernidade que os asexa a dúas rúas de distancia. Esta resistencia heroica, que ten as súas vantaxes e os seus inconvintes, fai honor á anterga e lendaria historia desta aldea milenaria, mais tamén é certo que o esquecemento, pouco a pouco, vaise apoderando das súas estreitas e labirínticas rúas, que corren o perigo de marchitarse e deteriorarse ata que o pouco legado cultural e artístico que lle queda se esvaeza nas brétemas da historia. 
A min a Ínsua lévame de volta á miña infancia, a cando xogabamos ás cabanas polos piñeirais do Monte do Canle, ou cando nos aventurabamos ata Mar de Fóra ou San Guillermo coma intrépidos exploradores. Aínda hoxe, cando me achego ata a Ínsua polo motivo que sexa –ultimamente tan só para efectuar as miñas indagacións históricas-, esas lembranzas veñen a min e transmítenme sentimentos que só un lugar que conserva tan ben a súa identidade pode conseguir. E ese é o seu gran mérito, e a auténtica cara positiva desta feroz resistencia ás comodidades do mundo moderno. 
Sabendo todo isto, os meus lectores daranse conta de que non podía seguir máis tempo sen adicarlle unha entrada á Ínsua, un dos recunchos que máis me fascinan dentro do territorio do noso concello, e da que tanto teño falado en traballos anteriores. A amplitude das súas peculiaridades con respecto ó resto do noso territorio merecen un artigo neste Promontorium, pois sen el, ningunha perspectiva da historia de Fisterra tería sentido. Para demostralo, imos modificar lixeiramente a óptica de Promontorium e imos orientar a nosa análise coma un percorrido virtual e sentimental a un lugar que, coma dicimos, ten tantas particularidades que sería imposible representalo doutro xeito.

[Esta entrada conta cun álbume ilustrativo en Picasa, no que o lector poderá seguir en detalle esta completa viaxe ó corazón da antiga aldea romana de Insula]

Segundo comezamos a ascender cara á Ínsua, atopamos xa
multitude de leiras ben cultivadas cos máis tradicionais e
saborosos produtos da terra

FOTO: Iván Fraga
Unha aldea diferente 
Cando ascendemos por algún dos accesos que conducen á Ínsua, descubrimos unha paisaxe de vivendas de recente construción, situadas en amplas fincas con hortas ou xardíns, garaxes e demais comodidades da vida contemporánea. Trátase do cinto residencial que arrodea Fisterra máis alá da estrada do Faro, e que nas últimas décadas tense convertido nun lugar de moda para construír vivendas unifamiliares, fogares de familias de clase media que teñen a sorte de contar coa tranquilidade dunha aldea, pero a dúas rúas de distancia do núcleo urbano e de tódolos servizos da capital municipal. A diferenza doutros lugares do noso concello onde tamén se ten edificado moito, nesta zona vemos principalmente vivendas de xente natural de Fisterra que non se asemellan en nada ós chalés adosados e demais barbaridades que se fixeron na Anchoa. Por sorte, na Ínsua existen menos exemplos de atrocidades urbanísticas que en ningures, polo menos en comparanza co resto de zonas de Fisterra onde se estivo edificando nos últimos tempos. Estas novas rúas, que se foron abrindo coma os tentáculos do núcleo urbano, eliminaron as antigas barreiras xeográficas e estruturais que existían entre a Ínsua e a capital municipal, ata o punto de que a día de hoxe, xa é oficial e popularmente coñecida como “lugar da Ínsua”, o que lle fixo perder o seu antigo estatus de aldea. Pouco a pouco, os mapas vanse apoderando dos vellos carrexos da Ínsua, outorgándolles nomes que se ditan dende o consistorio, e que fan que, sen decatármonos, esta vella aldea se vaia convertendo nun barrio máis da capital municipal. 

Orografía 
As primeiras casas que atopamos en canto comezamos o ascenso amosan xa fermosas leiras e primorosas hortas cheas de vida, que son o primeiro síntoma dunha terra privilexiada para o cultivo. Pero a subida dura máis do que esperabamos. Non en van, a Ínsua está encravada a 69 metros sobre o nivel do mar, nunha estribación que protexe Fisterra dos ventos do suroeste e que se apoia na faldra setentrional do monte de San Guillermo, un dos dous cumios que conforman o lendario Promontorium Nerium. A parte máis alta da Ínsua está situada entre os dous antagónicos mares de Fisterra: dunha banda, o outeiro da Ínsua descende precipitadamente cara occidente, conformando un val percorrido por un pequeno regato que vai desembocar sobre a area da praia de Mar de Fóra e que recibe o nome de Fonte Cardal. Cara a outra banda, as ladeiras descenden suavemente dende o Monte do Canle, por riba da Ínsua, ata as zonas chás da liña costeira. O regato da Ínsua, que nace nalgún lugar das faldras orientais de San Guillermo, atravesa o val, e penetra nas zonas residenciais ata que é canalizado xusto antes de entrar na vila. 

FONTE: SigPac
Tendo en conta a complexa orografía que amosa este lugar, auténtica atalaia entre dous mares, non nos queda máis remedio que recoñecer que é difícil saber onde remataría Fisterra e onde comezaría a Ínsua. Quizais, neste caso unha distinción dese tipo non teña sentido, pois nesta ocasión pode que se trate dunha cuestión gradual. A esencia desta aldea vaise notando máis intensamente canto máis ascendemos, e un bo indicador é a cantidade e a calidade das hortas que imos vendo segundo nos imos achegando ó alto. As vivendas presumen, na súa maioría, de fermosas macetas con flores e plantas ornamentais nas súas portas, aceiras ou muros; as hortas locen froiteiras e outras árbores, e a tranquilidade comeza a respirarse canda ó aire. Pouco a pouco, ímonos achegando á paz case rural da Ínsua. Cando acadamos a primeira estrada “xeral” que atravesa a aldea pola súa parte baixa, descubrimos unha fermosa panorámica da parte baixa do val que conforma o regato, ocupada dende fai tempo por fértiles leiras onde os coleiros, as patacas ou o millo constitúen os cultivos básicos. 

Unha costume que aínda non se perdeu na Ínsua
é a de colocar multitude de macetas con flores
nas portas

FOTO: Google StreetView
Primeiras diferenzas arquitectónicas 
Seguimos ascendendo polo camiño da Ínsua e chegamos á primeira estrada que atravesa a aldea pola súa parte inferior. Alí comezan a aparecer as casas de pedra. Precisamente nesa primeira franxa de casas, orientadas todas ó leste, apreciamos unha característica arquitectónica identificativa, quizais non dun xeito excesivamente relevante, máis si o suficiente como para destacala neste Promontorium: as vivendas de pedra de dous andares máis voluminosas, que parecen datar de finais do século XIX ou principios do XX, amosan unha única liña de vidreiras en forma de galería, montadas sobre un paramento de cantería que sobresae da fachada, semellante á estrutura que se emprega para construír balconadas. En comparanza coas galerías máis tradicionais do casco histórico de Fisterra, constituídas xeralmente por múltiples vidreiras e ocupando toda ou gran parte da fachada. Estas vivendas, máis recentes se as comparamos coas que atopamos na parte alta da aldea, amosan tamén os vivos coloridos habituais en calquera vila mariñeira, unha reminiscencia inevitable da proximidade do medio mariño. Especialmente nesta primeira liña de casas, as vivendas adaptan os seus elementos arquitectónicos para colocar macetas (con pequenos rebordes a carón das portas ou xardineiras de obra), e amosan case sempre máis dun poio para aproveitar a amplitude desta rúa e a fermosura das abertas vistas sobre o val e sobre a vila. 

A Ínsua constitúe, na súa meirande parte, unha paisaxe de hórreos,
leiras e antigas pedras cheas de historia

FOTO: Google StreetView
A importancia da auga 
Segundo camiñamos por esta peculiar avenida, vemos que á esquerda vaise conformando unha característica paisaxe de cabazos e outras edificacións de mampostería, hoxe abandonadas na súa maior parte e que debían ser vellos galpóns adicados a tarefas relacionadas co mundo agrícola. Hoxe, moitos deles amósansenos invadidos polas matogueiras e polo desuso. Nesta zona concreta da Ínsua atopamos un dos conxuntos de hórreos máis vistosos e completos do concello, moitos deles aínda en uso, outros convertidos en ornamento para hortas e xardíns, mais mantendo case todos eles un estado de conservación envexable. Son a proba máis evidente da importancia das tarefas agrícolas e gandeiras, nunha aldea que ten o privilexio de estar ubicada nun dos poucos puntos fértiles do Promontorium Nerium, polo demais seco e rochoso. A sorte de contar, ademais, cun río que leva auga tódolos días do ano, fixo da Ínsua un paraíso natural onde o ser humano soubo aproveitar a bondade do clima e a fertilidade da terra para levar a cabo os seus traballos agropecuarios, principal trazo identificativo deste lugar con respecto á capital municipal.
Descubrimos a importancia da auga cando collemos o primeiro desvío á esquerda, nun cruce de camiños onde aínda vemos unha vella figueira que xoga a invadir a estrada. Seguindo unha antiga corredoira, circundada por dous valados e rodeada de innumerables hortas e leiras, chegamos ata a Fonte da Ínsua , proba da importancia da enerxía hídrica neste recuncho do noso concello. Trátase dun picho metálico que sobresae dun muro erguido entre as fincas. Unhas laxas de pedra facilitan o pousado dos caldeiros e doutros apeiros, e antano unha gran rocha servía de ponte sobre o regato. 
O vandalismo fixo presa da antiga Fonte da Ínsua,
antano un paraxe tamén de gran valor natural

FOTO: Iván Fraga
A calidade da auga que brota da antiga fonte é proverbial. Multitude de veciños de Fisterra aínda aproveitan as tardes para subir ata a Ínsua e encher botellas e garrafas da auga nacida no corazón do Monte do Cabo. Polas áreas que circundan o manancial, as leiras amosan un verde brillante que demostra a fertilidade coa que foi bendicida esta terra. Cara arriba e cara abaixo seguindo o curso do río principal e dos regatos que conflúen nel, vemos como as leiras adaptan a súa forma e tamaño ós canles de regadío que a veciñanza foi traballando. Deste xeito, a pegada humana amoldou o terreo en pequenas terrazas, de moi diversas formas, que van distribuíndo a auga dun xeito moito máis racional. Ata fai uns anos, a Fonte da Ínsua era tamén unha fermosa paraxe natural, rodeada de bidueiros e outras árbores amantes da auga, cunha serie de pequenas pozas onde prosperaba unha boa representación da fauna acuática fisterrana, con varias especies de tritón e sarabanduxa, e outros anfibios como as rás e os sapos. Fai pouco, o goberno municipal decidiu sepultar as pozas cun recheo de formigón, e destruír impunemente a paraxe. Sobre a pedra do muro do que xurde o picho da fonte, algún desaprensivo pintou “A mexar ás casas”, unha triste mostra de como, na nosa Fisterra, as paraxes fluviais de interese natural e cultural son esquecidas e maltratadas, namentres noutros lugares da nosa bisbarra, os gobernos fan esforzos para que estes lugares conserven a súa paisaxe e a súa esencia. 

As leiras e hortiñas adáptanse ás vicisitudes do terreo, e aproveitan
multitude de regatos e canles naturais e artificiais que melloran a
calidade do regadío

FOTO: Iván Fraga
Pasado, presente e futuro das actividades rurais 
Atopámonos, polo tanto, ante unha cultura principalmente agraria, destinada ó autoconsumo e ó comercio a pequena escala, baseada no minifundismo e na miniaturización galopante dos terreos cultivables. A diferenza dalgúns barrios de Fisterra que tamén aproveitaron nun pasado os recursos agrícolas, coma o Campo, na Ínsua o agro constitúe a base económica e alimenticia principal, a base insubstituíble da súa vida cotía. Na capital municipal, as escasas tarefas agrícolas (que nunca se desenrolaron demasiado pola escasa calidade da terra e a proximidade do terrible salitre) puideron ter servido de complemento, mais nunca de base alimenticia. Na Ínsua, pouco a pouco a agricultura e a gandeiría vanse reducindo irremisiblemente, e hoxe serven tamén somentes de apoio para a economía doméstica, un proceso lóxico pero triste no mundo moderno. 
Segundo observamos as leiras, vemos que a pataca, o millo e a col son os principais produtos, mais tamén aparecen leitugas, grelos, cebolas, allos ou cabazas, nunha aldea na que o ritmo da rotación de cultivos tería obrigado a diversificar o número de produtos. Ademais disto, as froiteiras (figueiras, maceiras, pereiras ou mesmo castiñeiros) comparten sitio coas cabaceiras, os galpóns e as cordas de tende-la roupa. Algunhas familias optaron por montar pequenos invernadoiros, para favorece-la produción dos vexetais máis delicados (pementos, tomates, etc.), outorgando un voto de confianza á continuidade e validez dos antergos modos de vida. 
Cando chegamos ó primeiro estreitamento da rúa, aparece un galiñeiro erguido de xeito arcaico, outra sinal de que o coidado dos animais a nivel doméstico é unha actividade que aínda sobrevive con forza na Ínsua. As galiñas e os cans acompañan os nosos pés polos pequenos e húmidos carrexos que se abren ante nós.
As labores agrícolas marcan o ritmo cotiá dos veciños
da Ínsua que aínda se adican ás tradicionais faenas
do campo

FOTO: Iván Fraga
Moitas das familias deste lugar seguen a ter aves de cría, uns animais que ocupan pouco, son doados de manter, e regalan carne e ovos de xeito constante. Moitos dos edificios máis antigos, e polo tanto demasiado pequenos, son hoxe galiñeiros adosados ás casas máis grandes. Parte do millo cultivado é, de feito, para alimentar a estas larpeiras aves, mais tamén debeu servir nun tempo para dar de comer ás vacas. Hoxe, estes rumiantes están case desaparecidos da Ínsua, pero non así os porcos, que seguen a traer riqueza e fartura a algunhas familias. A gandeiría ovina e caprina tivo que ter tamén os seus tempos de gloria. Pode que algunhas ovellas aínda atopen na parte alta algúns pastos onde engordar, mais o certo é que a cabana da Ínsua foi menguando case ata a extinción. 

Os vestixios do pasado 
Xusto antes de que o asfalto desapareza para transformarse nun moderno pavimento de cemento pulido que nos leva cara á igrexa de Santa María das Areas, chegamos ó que puido ser o antigo corazón da aldea, a praza central. Sospeitámolo pola propia estrutura da zona, aplanada en dous niveis, e pola aparición dunha vivenda abandonada que aínda amosa a inscrición “Lugar de la Ynsua” en pequenos azulexos, unha indicación que se debeu instalar na época da posguerra. 
Ruínas de vivendas no centro
da aldea

FOTO: Iván Fraga
Precisamente esa antiga vivenda é un bo exemplo da arquitectura tradicional da parte baixa da Ínsua: os escasos muros de cantería e as galerías que viamos na entrada do lugar difumínanse entre voluminosos edificios cadrangulares de mamposteiría, de densos muros e aspecto severo. Os escasos e pequenos vans ábrense nos muros limpamente, circundados por xambas e linteis de macizas pezas de cantería que reforzan a estrutura dos muros exteriores. Moitas das fiestras amosan un pequeno saínte por riba e mesmo por debaixo do van, feito tamén en cantería. Vémolo mesmo nalgunhas casas antigas nas que as fiestras foron tapiadas. O interior, polo xeral, divídese en andares con piso de madeira, e a división das estancias dependerá das necesidades particulares de cada familia. As vivendas adoitan contar cun tellado de dúas augas, situadas a ámbolos lados da liña lonxitudinal do edificio. A cuberta faise con tella do país suxeitada con pedras de forma regular. 
Coma vemos, trátase dunha microvariante da arquitectura popular fisterrana, que nesa época (Na Idade Moderna) desenrolaba unhas vivendas adaptadas ás condicións orográficas e climáticas da vila, coma xa tiñamos falado. Os edificios da Ínsua manteñen algunhas semellanzas na súa estrutura, mais non nos seus acabados, e dende logo existen poucos edificios en Fisterra que conten coa antigüidade dalgunhas edificacións que podemos atopar na parte alta da Ínsua, as poucas que sobreviviron ó auténtico “boom” inmobiliario que debeu xurdir cando o millo e a pataca de América provocaron a gran explosión demográfica da Galicia da Idade Moderna. Tamén na parte baixa, algúns dos edificios máis impoñentes revelan na súa base restos de antigas edificacións sobre as que se elevaron casas novas, moitas delas cando o patriarca dunha familia voltaba de face-las Américas con algúns cartiños. Na páxina web do hotel rural que se habilitou nunha antiga casa de labranza situada na finca do Pradiño, na parte norte da aldea, relátasenos o caso de Antonio de Pedro (1877-1964), labrador e canteiro, que construíu a vivenda en cuestión no ano 1908. Un caso máis entre tantos que, de seguro, escaparon da miseria para traer un pouco de progreso e de avance ás súas familias e, por extensión, a toda a aldea. As vivendas iríanse ampliando e modificando ó teor dos tempos e das necesidades que xurdirían en cada xeración, polo que os últimos séculos de historia están gravados nas rochas das casas e dos muros. 
Tampouco é raro atopar pezas de cantería con fermosos detalles esculpidos formando parte de poios ou de muros divisorios, vestixios indubidables da anterga e rica historia da Ínsua. 

Arte popular 
O cruceiro da Ínsua, cuias caracterís-
ticas revelan unha notable antigüidade

FOTO: Iván Fraga
Neste espazo central da Ínsua descubrimos algo que nos restaba por ver para termos unha aldea enxebre completa: un cruceiro, de pequenas proporcións pero de indubidable antigüidade. Non imos ser nós os que nos aventuremos a dictaminar a súa idade, mais salta á vista que uns cantos séculos parece ter. A columna, de sección octogonal, é máis pequena do que sería habitual, por exemplo, nun cruceiro do Barroco. Inclúe un pequeno chapitel liso na mesma peza, que se chanta no interior dunha soa rocha circular traballada que conforma a base. Sobre o chapitel álzase a cruz, tamén esculpida nunha soa peza, conservando a sección octogonal, e cos extremos abertos en catro puntas de xeito ornamental, detalle que xa tiñamos visto en cruceiros da zona coma os de Sardiñeiro ou o do cemiterio de Fisterra. Debaixo, na esquina do valado sobre a que se alza o monumento, a veciñanza habilitou un pequeno altar de pedriñas, de aspecto arcaico e tradicional, cunhas cantas macetiñas cheas de flores. Unha boa mostra da importancia que outorgan algúns dos naturais deste privilexiado lugar ó seu patrimonio antergo. Exceptuando algúns dos elementos decorativos, que semellan un pouco gastados polo mal da pedra e polos liques, o cruceiro non está nun mal estado, e atópase precisamente no que tivo que ser un camiño importante para a Ínsua: o que vai cara ó lavadoiro e cara á igrexa parroquial. Ademais, o sitio constitúe un cruce de varios dos camiños que suben cara ó monte do Canle e cara ó Promontorium. Non é de estrañar, polo tanto, que alguén decidira erguer aquí un cruceiro. Ademais deste, e das pequenas cruces que decoran os teitos das cabaceiras, non existe ningún outro resto da pegada do clero. Non sabemos se existiu algún tipo de templo ou santuario na Ínsua en épocas antigas, mais non semella que fose así. A proximidade da Igrexa de Santa María das Areas e da capital municipal sen dúbida obrigou a esta aldea a depender da parroquia de Fisterra dende sempre. Si sabemos que San Antonio é o patrón da Ínsua, e ata non fai moito a veciñanza seguía a celebrar a súa festividade. Nos últimos tempos, organizábanse xogos populares, había banda de música e unha misa na igrexa parroquial en honor ó patrón, cuia imaxe se custodia en dito templo. 
Enfronte do cruceiro, unha fermosa cabaceira en ruínas resiste os embates do tempo. Nas súas pedras, gastadas polos séculos, intúese a eterna batalla que a arquitectura popular da Ínsua libra a diario contra unha historia que porfía en negarlle o protagonismo e a vida que merece. Seguimos avanzando polo camiño da igrexa, e albiscamos unha panorámica da zona antiga da Ínsua en todo o seu esplendor. Ós nosos pés, as hortas ábrense en racimos arredor das vellas canles de auga. Pode que a tradición agrícola da aldea da Ínsua estea en perigo, mais está claro que segue viva, abofé. 

FOTO: Iván Fraga

Máis restos do pasado 
Voltamos cara a estrada principal e subimos agora cara á dereita, pola rúa que circunda o corpo principal da aldea. Este camiño chega ata a parte máis alta habitada da Ínsua e conecta coa zona norte, lixeiramente separada e que coñece certa prosperidade pola proximidade con novos barrios residenciais coma o de Mar de Fóra, e pola aparición dalgúns negocios relacionados coa hostalería, entre eles un hotel rural. Un pequeno edificio de ladrillos aínda loce o indicativo de “Teleclub”, un pequeno recordatorio doutros tempos nos que a vida rebosaba polas ruelas da Ínsua. 
Nun dos muros que dividen unha finca, xusto á beira do asfalto, atopamos un vello lagar de pedra rosada, esculpido nunha soa rocha e de evidente antigüidade. Esta peza de museo aparece semienterrada no chan e no medio das outras pedras ó natural que conforman o muro de mampostería. Outra proba indubidable da profunda raigame que teñen as actividades agropecuarias na Ínsua. Este tipo de lagares, posiblemente de carácter doméstico, empregábanse principalmente para maza-las olivas e facer aceite. O da Ínsua é un dos tres que hai catalogados pola historiografía local no conxunto do noso concello. Outro está en Sardiñeiro, pero hai un que está moi preto, no adro da Igrexa de Santa María das Areas, unha peza máis pequena e de menor calidade que José R. Ínsua Trava relaciona coa necesidade do clero de producir aceite a pequena escala para determinadas cerimonias relixiosas e para a iluminación do templo. De la Cigoña Núñez data o da igrexa no medievo, polo que o da Ínsua pode ter unha antigüidade similar, tendo en conta as semellanzas trazas que caracterizan a ámbolos dous. En todo caso, Pepe do Albañil opina que puido estar surtido polas oliveiras do adro da igrexa, pois di que era habitual que este tipo de árbores se plantaran no entorno dos templos para ese fin. Nin parecía coñecer o lagar da Ínsua, nin se prantexou sequera a posibilidade de que a proximidade desta aldea puidera ter algo que ver co lagar da igrexa, un suposto que nunca podemos descartar. 
Nalgún outro muro, lembro ter visto fai anos unha vella roda de muíño, tamén enquistada coma unha peza de mampostería máis. A existencia deste tipo de construcións –hoxe en día desaparecidas- revelan que na Ínsua tivo que haber volume suficiente de gran como para darlle uso a algunha que outra moa. 
Esta tecnoloxía chegou a Galicia da man dos romanos, e constituíu unha verdadeira revolución: pasouse de moe-lo gran de xeito manual a facelo mecanicamente, o que axilizou, favoreceu e multiplicou a fabricación do produto básico: o pan. A súa importancia é tal, que os muíños chegaron vivos ata fai poucas décadas, cunha tecnoloxía practicamente idéntica á orixinal e sen case ningún outro avance técnico. Foi un dos múltiples trebellos que chegaron da man dos itálicos, e por iso é moi relevante a súa aparición na Ínsua, pois estamos a falar dunha aldea que leva a historia dos antigos invasores polo interior das súas veas. 

A parte alta da Ínsua é a que amosa os edificios de maior antigüidade
FOTO: Iván Fraga
A Ínsua, aldea romana 
Semella claro que os romanos chegaron a esta zona da Gallaecia no século I a.C., establecendo un dominio estable mais pouco visible. Sen dúbida, tratábase dunha dominación política e virtual, mais na práctica de seguro os nativos manterían na súa maior parte as súas tradicións e os seus modos de vida. Xa temos falado en Promontorium das peculiaridades da romanización fisterrana, e xa teño deixada clara a importancia da Ínsua neste proceso. O seu nome deriva de "insula, insulae”, illa, o que pode facer referencia á anterga condición insular que puido detentar o Promontorium Nerium en tempos ancestrais, unha posibilidade que xa temos valorado en diversas ocasións neste espazo. Pode ter sido un antigo campamento onde residirían os escravos que traballarían nas múltiples canteiras que había no alto do Facho. De feito, o principal camiño de acceso ó Monte do Cabo antes da construción da estrada ó Faro era a Ínsua, e é lóxico. Está ubicada practicamente na unión dos dous montes que conforman o Promontorium, O Facho e San Guillermo, e o seu val constitúe un recodo perfecto para unificar as sendas de acceso que contactan con tódolos camiños e corredoiras do monte. Os romanos puideron establecer aquí o final da única vía de acceso, o lugar desde onde se distribuiría a pedra extraída do monte. A propia estrutura da parte alta da Ínsua parece suxerir este suposto: na parte máis elevada, xa a carón do monte, atopamos unha pequena mazá de edificios de aspecto arcaico (foto 11), erguidas sobre unha pequena elevación rochosa, da que se aproveitan algunhas das casas para apoiar os muros. Algunhas das casiñas, hoxe cortellos e galiñeiros, teñen planta e teito circular. Son todas de mampostería, coas xambas e os linteis de cantería a modo de reforzo, cos teitos en desigual estado e cos muros en pé, pero xa debilitados pola antigüidade. 
Moitos dos edificios máis antigos, algúns sen
dúbida vivendas na súa orixe, son hoxe galiñeiros
ou casetas de labradores

FOTO: Iván Fraga
Somentes un dos edificios foi rehabilitado recentemente. Nun dos muros, nunha das pezas que suxeita o alerón do teito, aparece unha pequena figura esculpida que semella de estilo románico, mais non parece que pertencera orixinalmente ó edificio. Entre estas cinco ou seis edificacións, ficou unha pequena praza, que antano puido ser algún tipo de eira, ou de zona de uso compartido. Ten certas semellanzas coas estruturas que temos visto nas aldeas do Caurel e doutras zonas de Galicia, onde as vivendas medraban todas xuntas, nunha especie de comuna onde todo se facía en colectividade e todo era para todos. Quizais o topónimo de “Insula” podía facer referencia a esta característica da Ínsua, posto que está claro que esta é a zona máis antiga do lugar. Non esquezamos que unha das acepcións da palabra “insula” era “mazá, grupo compacto de vivendas”. Esa é a hipótese de José R. Ínsua Trava, e pode ter a súa base, sobre todo tendo en conta que esta pequena conxunción de edificios, quizais os máis antigos da Ínsua, están a carón do que pode ser o vestixio romano máis importante do concello de Fisterra, e quizais a única proba material da dominación dos itálicos. 

Primeiro tramo da calzada coñecida como
Porta de Marcos,
posiblemente de época romana

FOTO: Iván Fraga
A Porta de Marcos 
A mazá de casas da que vimos de falar intercepta o percorrido dunha vella calzada de pedra que arrinca xusto ó final da rúa principal da Ínsua, despois de darlle a volta ó núcleo urbano da aldea. A senda atravesa dous valados de certa altura. Xusto antes de chegar a esas vivendas antigas, podemos ver no chan o pavimento, a base de pequenas pezas de granito alongadas que debuxan figuras triangulares de xeito alterno. Pouco podemos apreciar deste tipo de pavimento, pois ó chegar á altura dos derradeiros cortellos en funcionamento, as pedras desaparecen durante case trinta metros. Pode que nese punto o camiño se desviara e pasara pola pequena praza comunal que se forma entre estas pequenas e antergas casiñas; ou pode que seguira recto, bordeando as lonxevas edificacións circulares, aproveitando o desmonte que xeran na parte posterior. En todo caso, temos que camiñar uns metros cara arriba para voltar a atopar a calzada. Antes, vemos a un lado e a outro os derradeiros terreos cultivados e os palleiros enfronte da impoñente vista do Cabo da Nave. Dende este alto, apréciase ben a situación equidistante da Ínsua con respecto ós dous mares antagonistas de Fisterra. O Val de Duio asoma na distancia: as dúas capitais romanas da Fin do Mundo óllanse eternamente entre un e outro monte, por riba do tómbolo sobre o que se asenta o actual núcleo urbano da capital municipal. 
Se seguimos camiñando pola senda cara ó monte, voltamos a atopar a calzada, que agora arrinca de golpe, revelando a profundidade e características construtivas deste camiño, a todas luces habilitado pola man humana. Dende este punto, as indagacións de campo realizadas para Promontorium revelan unha anchura media duns dous metros e dez centímetros aproximadamente, cun pavimento a base de grandes pezas de granito en bruto que penetra uns catrocentos metros no monte. 
A senda, perfectamente trazada a través do terreo (algúns dos desmontes e valados que atravesa revelan unha antigüidade milenaria), amosa un estado de conservación envexable nalgúns dos sectores. 
Os habitantes da Ínsua están acostumados a convivir con esta anterga obra de enxeñería civil. De feito, segundo seguimos ascendendo, un par de antiquísimos edificios –vivendas na súa orixe, coma demostran os poios que amosan nas portas- circundan o serpenteante percorrido da calzada. As súas características revelan que puideron ser empregados coma cabanas de labradores ou cortellos en tempos relativamente recentes. En todo caso, está claro que constituían nun pasado non moi remoto a parte máis elevada e antiga da Ínsua. Hoxe, as hedras escalan polos seus muros, e os teitos fai tempo que se desplomaron pola implacable acción do tempo. Somentes o esquecemento semella residir neles, coas portas abertas aínda á espera de que, algún día, volten os carruaxes e o xentío á vella Costa de Marcos, pois así é coma se chama a anterga calzada.
As leiras e os palleiros chegan ata a parte máis alta da Ínsua, xa
en pleno monte e dominando toda a vila e a súa contorna

FOTO: Iván Fraga
Somentes os veciños saben deste vello e resoante nome doméstico, popular, mesmo segredo, que pasou de xeración en xeración dende as brétemas da historia máis remota. Antano, a Ínsua constituía a única porta de acceso ó monte, e ata que se construíu a estrada do Faro, todos aqueles que quixeran visita-lo monte terían que pasar por aquí, incluídos os peregríns. E así, unha vez máis, volvemos a arremeter contra aqueles que debuxaron, en tempos recentes, o Camiño turístico, baseado en intereses económicos e que para nada fan honor á anterga historia de lugares como A Ínsua, antano derradeiro fortín da civilización antes de chegar á Fin do Mundo. Non pode existir ningunha dúbida ó respecto da importancia desta vella senda coma porta de acceso máis antiga do promontorio. A propia historiografía local así o recoñece:

"...e acaso fora esa a porta de entrada ó monte"
Benjamín Trillo. 
As pegadas de Santiago na cultura de Fisterra, 1982

A outra denominación popular que recibe é unha boa proba: a Porta de Marcos. Por iso, porque aquí en Fisterra sabemos do que falamos, aqueles que pretenden soster o trazado actual do Camiño baséanse en documentos coma este, do século XVIII, obra de José Cornide:

"... de Cée pásase a Corcubión, de Corcubión a Fisterra hai dúas leguas, 
e camíñase sempre sobre a costa, e en parte por uns areais ben molestos; 
á saída de Corcubión débse suavizar unha costa tanto á subida como á 
baixada do areal de Estorde".

Os poios nas portas destas antigas edificacións,
revelan que puideron servir de vivendas noutros
tempos, antes de que se converteran en cortellos
ou cabañas de labradores

FOTO: Iván Fraga
Coma vemos, neste texto non aparece ningunha referencia o suficientemente concreta coma para soster o trazado actual da Ruta, cando existe un Camiño Real perfectamente identificado que baixa por Mallas, atravesa o Val de Duio e entra en Fisterra pola Atalaia para subir pola Ínsua; e tendo en conta ademais que non existe ningunha proba para afirmar que os "molestos areais" que aparecen no texto se refiran á Langosteira, e non ás antigas marismas da Seca ceense, a Quenxe ou á praia de Sardiñeiro, por poñer algún exemplo.  Por iso xa vai sendo hora de que se faga honor á realidade, que se lle dea un voto de confianza tanto á tradición historiográfica de Fisterra coma ó imaxinario colectivo do pobo, e que se lle devolva á Costa de Marcos e á Ínsua o seu antigo valor de porta de acceso ó Monte do Cabo e, polo tanto, tramo fundamental da Ruta Xacobea. Estou seguro de que nin se perdería en paisaxe (máis ben todo o contrario) , nin existiría ningún peregrín nin visitante que quedara descontento con este antigo percorrido. O que está claro é que ningún historiador de Santiago ou Muxía, ningún documento do século XVIII (cando sabemos que a ruta existe coma mínimo dende o Medievo), e moito menos ningún político nin cacique comarcal ten dereito a sinalar arbitrariamente unha ruta que os fisterráns coñecemos e valoramos dende sempre. 

Imaxe da Via Nova ourensá,
á altura do Xurés. O seu bo
estado de conservación axúda-
nos a comparala coa calzada
da Ínsua, de características
semellantes

FOTO: Iván Fraga
Unha calzada romana?
Para Benjamín Trillo (1982), único autor ata o de agora que semella ter reparado na Porta de Marcos, opina que a aparición do nome propio "Marcos", tan habitual entre os romanos coa forma latina "Marcus", pode facer referencia ó nome dalgún persoeiro da época antiga e pode demostrar unha hipótese xa implantada na cultura popular: para algúns, a Costa de Marcos é unha calzada romana, unha das poucas conservadas no noso país. Trillo parece pensar que o nome de Marcos podía referirse a algún individuo pertencente ó estamento militar, mais descoñezo as razóns que o levan a pensar neste suposto.

"O que resulta sorprendente é que ninguén teña referencia dese Marcos que deu nome á calzada. Marcos era un nome moi común entre os romanos e acaso fora esa a porta de entrada ó monte ou faga referencia ó paso dalgún lexionario romano, chamado Marcos" (p. 52)

O certo é que, na Roma Antiga, os funcionarios encargados da construción das obras e infraestruturas públicas (vías, fontes, etc.) tiñan a obriga de pagar do seu peto as actuacións que levaran a cabo. Isto provocaba, en primeiro lugar, que somentes unha pequena elite económica puidera acceder ós cargos deste tipo; e en segundo lugar, xustificaba a colocación de indicativos onde se inscribía o nome do comitente das obras. No caso das calzadas, os milladoiros (miliaria) eran o principal instrumento propagandístico, ademais de indicar as distancias e os desvíos. Quizais os veciños da Ínsua aínda lembran, neste vello topónimo, o nome do funcionario que, fai case dous mil anos, construiu a calzada. Ou quizais algún vello miliario (hoxe desaparecido) amosara ese nome, absorbido pouco a pouco pola cultura popular. Ou pode que, sinxelamente, o nome ficara vivo na memoria colectiva ó longo dos séculos, mais hai que confesar que parece difícil que un nome se mantivera tan intacto durante case dous mil anos. En todo caso, ningunha outra explicación existe para esta denominación. 
Non hai tampouco máis documentación –que nós saibamos- na que apareza. A queima dos antigos documentos da parroquia durante a Guerra de Independencia fai que teñamos unha seria escuridade sobre as propiedades eclesiásticas orixinarias da nosa parroquia, e dos camiños, corredoiras e antigas vías que nos documentos da Igrexa aparecerían sen dúbida reflectidos. Temos tan só coma probas o topónimo, a situación estratéxica da calzada como “porta” do Monte do Cabo, e a propia morfoloxía do vestixio, que revela unha extraordinaria antigüidade e unhas técnicas construtivas moi semellantes ás dos romanos.
En calquera caso, Benjamín Trillo (1982) semella amosarse tamén a favor da orixe romana da vía:

"Para subir ó monte hai que pasar por unha empinada costa, á que chaman Costa de Marcos ou Porta de Marcos, e que, segundo din, foi antes unha calzada romana [...] O que non se pode descoñecer é que ten as mesmas características dunha calzada romana" (pp. 51-52)

Desgraciadamente, e aínda que Trillo fálanos tamén das intentonas arqueolóxicas levadas a cabo nas últimas décadas a nivel particular, parece ser que nunca houbo un achádego de importancia:

"Non atopei referencia escrita ningunha desa calzada, aínda que me teñen dito que se atopara alí unha lápida de mármore, que ninguén sabe onde está, e que F. Esmorís fixo por alí algunha calicata que resultou infructuosa" (p. 52)

Por suposto, non podemos fiarnos da profundidade, intensidade e técnica das prospeccións do doutor Esmorís Recamán, aínda que noutras zonas con maior concentración de material teña atopado interesantes pezas (no Val de Duio, principalmente). No tocante á laxa de mármore, pode tratarse dunha das típicas laudas que aparecen de cotío arredor das zonas de interese arqueolóxico relacionado co mundo romano. Son estelas funerarias con diversas incrispcións e símbolos de carácter relixioso, relacionados polo xeral co mundo astral, coma nos conta Alonso Romero (2002, ed. 2005). De orixe romano ou galaico-romano, non son estrañas estas laudas en lugares por onde pasa o Camiño ou relacionados coa Ruta, coma Iria Flavia ou Padrón, onde teñen aparecido estelas funerarias moi ben conservadas. O Camiño de Fisterra non ía ser menos, e nalgúns lugares onde está documentada a Ruta histórica, tamén teñen aparecido pezas deste tipo (en Negreira, e en San Cosme de Antes, preto de Maroñas). Non temos ningún outro dato con respecto a esta posible estela funeraria da Ínsua. Sen dúbida perdeuse nalgún muro privado ou soterrada baixo calquera desmonte moderno.
Son posibles probas que amosan que, na historiografía local e no imaxinario colectivo, a Porta de Marcos e A Ínsua teñen unha filiación inequívoca coa romanización destas terras. Para demostralo, máis alá destas probas teóricas, temos que facer unha análise morfolóxica do achádego baseándonos nos cadernos de campo redactados durante as diversas visitas que levamos a cabo para unha análise pormenorizada,

A Costa de Marcos: características
Coma dixemos, a Costa de Marcos penetra no monte en varios centos de metros, mantendo unha anchura e unhas características similares. Somentes a primeira parte da calzada, ó longo duns trinta metros, amosa un pavimento algo diferente. Quizais esta parte sexa máis moderna, pois non se ven pezas grandes de rocha, senón anacos de mediano tamaño, encaixados formando formas triangulares, o que pode ser parte dun pavimento urbano medieval. Aínda así, non podemos descartar que a vía nesta parte estea montada sobre a estrutura da antiga calzada romana, pois os bordes da rocha están traballados ata un centímetro por riba do nivel actual do pavimento, amosando o espazo perfecto para encaixar as pezas doutro nivel de lousas.
O modelo contrutivo romano consistía en varias capas de material en forma de cascallos e de area que facilitaban o drenado e o asentamento da cuberta superior de lousa, pavimento último da calzada. Puidemos velo perfectamente nos tramos conservados da Via Nova ourensá, que atravesaba a provincia do ouro dende Asturica Augusta ata Bracara Augusta. Os treitos, perfectamente conservados, que se atopan na Serra do Xurés entre Ourense e Portugal, amosan unhas características morfolóxicas moi semellantes ás da nosa Costa de Marcos, tanto nas dimensións coma na técnica construtiva. As pedras do pavimento son dun tamaño semellante, se ben a colocación das lousas na vía da Ínsua é máis descoidada e menos perfecta, algo lóxico se temos en conta que a Via Nova era unha auténtica autovía da época, namentres a Costa de Marcos puido ser coma moito un camiño rural destinado a favorecer o transporte de homes e mercancías dende as canteiras do Facho ata a ribeira do mar. Ademais, a Porta de Marcos endexamais foi restaurada, nin se fixo absolutamente nunca nada en favor da súa conservación, namentres a Via Nova si foi restaurada e vive un proceso de rehabilitación e posta en valor dende fai xa uns anos.
Esta vella autoestrada romana aparece, ademais, reflectida no Itinerario de Antonino, documento do século III que amosa as grandes vías de comunicación da época. Evidentemente, un camiño rural con moitísimo menos tráfico como é a Costa de Marcos non ía aparecer no susodito texto, mais si que nos revela que o tecido de infraestruturas dos latinos penetrou moito na nosa terra, case ata a costa. A vía recoñecida por Antonino máis prósima a nós é a coñecida como Vía Per Loca Maritima, que unía Grandimirum (actual Brandomil) con Aquis Celenis (Caldas de Reis), pasando por lugares tan unidos á tradición xacobea como Negreira. Non sería descabellado, polo tanto, que existira un ramal de carácter "comarcal", por empregar un termo actual, que unira Negreira ou algún lugar semellante co Cabo Fisterra, do cal se ten dito que existían numerosas peregrinacións xa na época. Ademais, tendo en conta a figura da lendaria cidade de Dugium, cuia existencia se ten demostrado en parte gracias á arqueoloxía a pequena escala, e cuia suposta importancia podería ter xustificado a construción dalgún tipo de vía de comunicación. Pode que a Costa de Marcos sexa o único que queda do vello camiño que levaba á Fin do Mundo, ó estremo derradeiro do Imperio.
Lugar onde arrinca o segundo
tramo da Calzada de Marcos

FOTO: Iván Fraga
O que si é certo, é que as características lembran a vías mellor conservadas, coma xa temos dito. Estas similitudes fanse máis evidentes segundo seguimos ascendendo. Unha vez superada a primeira fase e o tramo cego que se alonga durante unhas ducias de metros, a calzada arrinca de golpe, e podemos ver claramente as profundidades das diferentes capas construtivas. Vemos unha primeira capa de rochas de gran tamaño, alisadas polo tempo, que fican sobre unha liña de pedras de menor tamaño. Isto fainos pensar que, nas partes mellor conservada (as que denominamos neste estudo "tramo 2" e "tramo 4"), o pavimento conservado é o orixinal. Os bordes tamén están traballados, marcando a liña onde se encaixan as lousas. Podemos velo mellor no borde esquerdo, pois o dereito semella apisonado por un vello valado. Son somentes algúns dos efectos do tempo, que foi desdibuxando os bordes da calzada, que calculamos nunha media de dous metros e dez centímetros, que inferimos de diversas medicións en diversos puntos da calzada. Neste segundo tramo, a anchura é bastante evidente, coma vemos na imaxe.
Segundo seguimos ascendendo, chegamos ó terceiro tramo, unha costa que bordea as vellas casas, o que nos fai pensar en que nesta zona concreta a calzada puido ser modificada e desdebuxada ó longo dos séculos. Si que se conserva parte do pavimento colocado no centro do camiño, mais nos bordes as grandes lousas fican ciscadas, descolocadas e sen orde aparente: mostra da degradación deste terceiro tramo. Xa nos advirte Benjamín Trillo (1982) de que podemos estar ante unha calzada modificada en parte:


"Está empedrada de lousas vellas, incrustadas na lama, e semella que foi reformada en parte" (p. 52)

A cuarta etapa da calzada, onde se
aprecia o bo estado de conserva-
ción dalgúns tramos da Porta de
Marcos

FOTO: Iván Fraga
Aínda que poidamos estar en parte de acordo con esta afirmación, temos que matizar. Independentemente de que a zona entre o sector 1 e o sector 2 fique desaparecida, de que o sector 1 poida ser parte dun pavimento menos antigo (quizais medieval), e de que o sector 3 estea nun estado case lamentable, o resto de tramos semellan conservar a calzada e o seu trazado orixinal. Por exemplo, unha vez superada a curva do terceiro treito, chegamos a unha forte pendente, que é a parte na que mellor se conserva a Porta de Marcos. Trátase da cuarta fase desta calzada, onde a antigüidade do pavimento está avalado polas profundas marcas de roda que se ven nas rochas dos laterais. Podemos velo catro ou cinco veces ó longo do trazado. Un desgaste tan profundo, duns cantos centímetros sobre o duro granito, revela unha constante e regular rodaxe ó longo dos séculos, proba da pasada importancia desta vía, que era polo tanto tamén un camiño para vehículos rodados. Desgraciadamente, o peso das carruaxes durante tanto tempo, afundiu visiblemente algúns puntos do pavimento, o que provocou a descolocación dalgúns sectores da calzada.
Dende aquí, xa no alto, obtemos unha fermosa panorámica do istmo fisterrán e da propia aldea da Ínsua. Unha boa mostra do valor paisaxístico deste encrave cheo de fermosura.
Unha vez superada esta fase do trazado, que se alonga durante uns trinta metros, chegamos a un tramo no que o pavimento desaparece, entre dous altos desmontes que penetran no monte uns dez metros. O pavimento desaparece xusto ó comezo desta especie de túnel, e continúa xusto despois. O burato foi aberto pola man humana, mais descoñecemos en que época, aínda que todo apunta a que fai moitos séculos que se fixo esta ambiciosa obra de desmonte. O certo é que o pavimento desaparece por completo durante estes poucos metros, aínda que non podemos descartar que, debido á densa masa forestal que rodea por completo este punto, a acumulación constante de humus puido ter soterrado as lousas. De feito, esa é a sensación que dá cando estamos alí, e realizando unhas lixeiras intervencións podemos descubrir que hai rocha a moi pouca profundidade, aínda que tampouco podemos descartar que sexa rocha natural.
Unha vez que atravesamos esta especie de túnel, atopámonos cos bosques da Ínsua en toda a súa plenitude, unha boa mostra da riqueza natural e ecolóxica que circunda este encrave lendario. Entre os piñeiros atopamos castiñeiros, carballos e outras especies autóctonas de árbores. As fieitas comparten espazo con todo tipo de frondosa vexetación en forma de arbusto, e as flores asoman en primavera ó longo desta fértil ladeira aberta ó norte. Especies da nosa fauna coma o xabarín, a denociña, o raposo ou o coello semellan habitar por estes montes, cada vez máis ameazados pola urbanización constante do territorio e o avance imparable da civilización. Por sorte, a catalogación do Cabo Fisterra coma Patrimonio Europeo no ano 2007 fai máis doada a protección destas zonas, pertencentes ó terreo distinguido con tal denominación. Estamos xa nas abas do Promontorium Nerium, unha das principais fontes de riqueza dos habitantes da Ínsua. A cantidade e calidade dos bens forestais cos que conta esta aldea e o seu entorno son feitos indubidables. De feito, ata non fai moito, os propios fisterráns que se adicaban á cría de porcos adoitaban ir ó Monte do Canle a colle-lo valume. A madeira é outro ben necesario, se ben cada vez se emprega máis para especular, en vez de para usos prácticos como a transformación en leña ou en material construtivo, coma antes era habitual. Por suposto, nada podemos dicir, posto que os tempos cambian, e tamén as costumes e as necesidades. O interesante sería que se invertira en madeira do país, en carballo ou castiñeiro, ou mesmo en piñeiro, en vez do sempre presente eucalipto, tan dañino para o noso solo, e tan estraño na nosa paisaxe. Neste caso, e pensando nunha futura restauración, promoción e posta en valor da Costa de Marcos, a beleza dos máxicos bosques que a circundan pode ser outro dos innumerables atractivos cos que conta este lugar.
Despois do cuarto tramo, a cal-
zada penetra nunha serie de
desmontes que semellan un túnel
que nos leva á profundidade do
bosque

FOTO: Iván Fraga
Dous metros despois de rematado o túnel, comeza a quinta e última fase do trazado, que se alonga máis de douscentos metros no monte, bordeando a ladeira norte de San Guillermo. Arrinca de golpe, e durante unhas ducias de metros consérvase bastante ben o pavimento, nun estado moi semellante ó do tramo 2. Uns metros despois vemos que o camiño sufriu o derrubamento dalgúns dos antigos desmontes aproveitados pola calzada. En moitos casos, os derrubamentos son recentes, e causados a todas luces pola circulación de vehículos pesados (tractores ou algún outros vehículos semellantes); noutras ocasións vemos que os derrubamentos son antigos, e que o camiño tivo que desplazarse máis de medio metro cara á dereita. quedando o borde da calzada no centro do actual camiño. Puidemos comprobar, retirando un pequena cantidade de terra destes antigos derrubamentos, que o pavimento pode terse conservado baixo terra moito mellor que a parte que quedou á luz. Os bordes das antigas lousas, lisas e ben recortadas, parecen emerxer ás veces dende debaixo da terra derrubada, polo que temos a confianza de que nesta zona se poidan recuperar aínda bos tramos de calzada, ben conservada e co pavimento case intacto.
Avanzamos un par de centos de metros e chegamos ó final, onde desaparece o desmonte lateral esquerdo e o pavimento se dilúe por completo; non sabemos se fica debaixo da terra, ou se foi saqueado e destruido ó longo dos séculos. Quizais a senda forestal actual non se corresponde, a partires deste punto, coa antiga calzada, e pode que esta fique soterrada baixo centímetros de humus e pirlo nalgún monte dos que circundan a zona. En todo caso, nada máis podemos saber namentres non se realicen escavacións serias e se intente poñer en valor este encrave único.
A modo de resumo, imos lembrar as partes nas que temos dividida esta calzada, para obter unha panorámica xeral do trazado:

1. Tramo 1: Pavimento a base de pequenas pedras colocadas de xeito xeométrico, o que nos fai pensar que pode ser parte dunha pavimentación urbana medieval. Consérvase en mal estado. Nos bordes vemos o rebordo traballado para encaixa-las lousas.
2. Tramo cego: A calzada desaparece durante uns trinta metros.
3. Tramo 2: É unha costa recta na que aparece o pavimento bastante ben conservado, coa anchura orixinal e co trazado marcado no rebordo da pedra. Ascende uns cincuenta metros, aproximadamente.
4. Tramo 3: O camiño, máis estreito, curva dúas veces, bordeando as antigas e abandonadas casiñas de pedra. O pavimento está en moi mal estado. Só se conserva no centro, e nos bordes aparece completamente difuminado e destruido.
5. Tramo 4: Despois dunha curva á dereita, a calzada ascende recta nunha dura pendente durante cincuenta ou sesenta metros. É o tramo onde mellor se conserva, e onde mellor podemos ver as marcas das constantes rodaduras. Os bordes están perfectamente traballados para encaixar as lousas do pavimento, e a pesares de que nalgunhas zonas o uso constante descolocou algunhas pedras, ó pavimento case non lle faltan pezas.
6. Túnel: A calzada entra nunha especie de túnel entre dous altos desmontes. O pavimento desaparece, posiblemente soterrado baixo o humus. 
No pavimento vemos
constantes marcas das
rodaduras ó longo dos
séculos

FOTO: Iván Fraga
7. Tramo 5: O pavimento reaparece uns metros despois do túnel. Ó principio aparece nun estado de conservación semellante ó tramo 2, pero os derrubamentos do desmonte da esquerda e a consecuente desviación do camiño ó longo de diversas épocas fai que nalgúns casos a calzada estea moi deteriorada, ou case desaparecida baixo terra, o que doutra banda pode favorecer a súa conservación. Despois duns cantos centos de metros avanzando de xeito lonxitudinal pola aba de San Guillermo, o desmonte esváese e o pavimento desparece.

A conclusión primeira que podemos sacar unha vez levado a cabo este intenso traballo de campo é que a Costa de Marcos constitúe un encrave de primeira orde a nivel cultural, histórico, paisaxístico, natural e, por suposto, turístico. Pode ser un dos poucos restos que temos do noso pasado romano, unha parte moi importante da nosa historia e que forma parte dun xeito moi intenso na nosa forma de ser. Ó fin e ó cabo, temos máis de romanos do que cremos, e a mesma lingua na que falamos é unha proba evidente.
En calquera caso, é necesario levar a cabo algún tipo de actuación sobre este encrave. Hai que investigalo, elaborar un estudio serio con xente preparada, e de ser necesario facer catas arqueolóxicas para valorar a posibilidade de efectuar escavacións arqueolóxicas completas nas zonas circundantes. É importante tamén evaluar o estado do pavimento, e analizar a posibilidade de reconstruilo na medida do posible, mantendo sempre o respecto pola estrutura e o trazado orixinal. Sería interesante tamén dar a coñecer este punto ó turismo, unha vez que estea preparado e exista a información suficiente para poder distribuila ó gran público. Deste xeito favoreceriamos a mellora das condicións de vida dos habitantes da Ínsua, ademais de que nos permitiría pagar en parte a deuda histórica que temos con esta fermosa e carismática aldea.

Os carrexos da Ínsua son auténticos túneles do tempo,
onde as antergas edificacións e as intricadas ruelas
son parte da paisaxe cotiá

FOTO: Iván Fraga
Insula, a vella aldea romana
A Costa de Marcos remata nunha bifurcación do camiño que constitúe o cruce principal das vellas sendas do Promontorium Nerium: cara á esquerda, o camiño sube lixeiramente cara San Guillermo (estamos xa case á altura do val que se forma entre os dous montes) e cara o Val de Cabanas, lugar onde antano se ubicaba a antiga vila da Fin do Mundo: Vilar Vello. O outro camiño que baixa pola dereita continúa por todo o rebordo do monte do Facho, case pendurado ó longo de todo o macizo. Podía ser unha antiga senda que conectaba coas vellas canteiras de granito que existían ó longo e ancho das ladeiras occidentais do Facho. Ámbolos dous camiños únense de novo na faldra meridional do Promontorium, xa preto do Faro. Coma vemos, unha vez máis, a situación estratéxica da Ínsua é ben coñecida pola veciñanza de Fisterra.
As pequenas ruelas amosan
mostras abondosas de arqui-
tectura popular

FOTO: Iván Fraga
Unha vez rematada a calzada, non nos queda máis remedio que voltar de novo ó núcleo habitado. O descenso non é doado, pois as costas da calzada son moi intricadas. Unha vez na Ínsua atravesámola, esta vez polo outro lado, baixando polos pequenos camiños e corredoiras que bordean o núcleo máis habitado pola banda sur. Atopamos algunhas vellas rúas sen pavimentar sequera, e vellos edificios de planta circular e con poderosos muros a todas luces modificados e reconstruidos ó longo dos séculos. Son os vellos restos, a memoria petrificada da anterga e milenaria historia da Ínsua.

Retorno ó mundo moderno
Abandonamos este encrave máxico e voltamos ó noso tempo, ás nosas rúas asfaltadas e ó ruído mundano das vilas e cidades. Voltamos, iso si, cunha nova experiencia, cunha aprendizaxe vital e necesaria: que ás veces o benestar e a calidade de vida obtéñense do xeito máis sinxelo, máis tradicional e honrado. Por iso, a conservación dos antergos modos de vida é algo difícil de atopar a día de hoxe, mais moitos seguimos a valorar e a respectar esta resistencia feroz á modernidade, aínda sospeitando que este relativo atraso é algo imposto. Coma sempre, neste Promontorium abogamos por un modelo equilibrado, no que as comodidades modernas poidan implantarse sen renunciar ó legado histórico e tradicional da comunidade. A rehabilitación, conservación e posta en valor dos elementos materiais e inmateriais que conforman o patrimonio da veciñanza é a chave para un futuro no que a calidade de vida non sexa razón para renunciar ós antergos modos de vida. Non é doado, mais o primeiro que hai que facer é unha investigación en profundidade para coñecer as características identificativas da Ínsua e, polo tanto, aquilo que hai que conservar e potenciar en primeiro lugar. Logo, habería que indagar nas necesidades da veciñanza, para poder achegar os servizos necesarios que garantan a comodidade dos habitantes da aldea, sen que as infraestruturas teñan por que danar ou desvirtuar a paisaxe ou a beleza arquitectónica do lugar. Por último, tería que poñerse sobre a mesa un plan de axudas para aqueles veciños que desexen restaurar a súa vivenda, ou para os empresarios que desexen instalar establecementos sostibles de turismo rural e ecolóxico. Ademais, terían que poñerse en valor elementos importantes que poidan atraer ás visitas (como a Costa de Marcos) e que fagan honor á anterga historia da Ínsua. Se a isto sumamos un traslado do trazado da Ruta Xacobea á súa ubicación histórica, a Ínsua podería vivir un periodo de esplendor que evitaría o galopante despoboamento, e a perda sucesiva dos tradicionais modos de vida.
Somentes así, aprendendo pouco a pouco a valorar os nosos bens materiais e inmateriais, será como os habitantes deste lugar poderán por fin ver no lugar onde merece a anterga e milenaria historia de Insula, a vella aldea romana.

________________________________
Fontes
De la Riera, José Antonio. Terminar el Camino en el mar
> Trillo Trillo, Benjamín. Las huellas de Santiago en la cultura de Finisterre. 1982. Edición patrocinada polo Concello de Fisterra
________________
Agradecementos
Este artigo pode que non tivese sido posible sen a inestimable axuda do amigo Iván Fraga, autor da reportaxe fotográfica, sen dúbida a mellor e máis extensa sobre a Ínsua endexamais publicada.
_______________________________

2 opinións:

  1. Nunca habia lido un articulo tan completo e tan bo sobre a insua. sigue asi. boo traballo.

    ResponderExcluir
  2. Parabéns, companheiro!, moi bo traballo para unha incursión tan sumamente...perigosa? (refírome ós dous "cadelinhos" que case nos botan o dente, jajaja. Boa sorte!

    ResponderExcluir