Imos hoxe recordar,
co corazón e ca mente,
a traxedia daquel día
que inda hoxe está recente.
Presentádevos no muelle
pra que quede eternamente
a protesta de Fisterra
nos ollos do mundo presente!
Roberto X. Traba,
Epopeia do Casón (decembro de 1989)
A primeira vez que oín falar do Casón foi a finais dos noventa, cando eu era aínda un cativo que nada sabía do presente, e moito menos do pasado. Daquela, o Concello de Fisterra estaba a conmemorar os dez anos da traxedia con diversos actos como a instalación da áncora do buque a modo de homenaxe no peirao, ou unha exposición coas fotografías e vídeos da época. Foi alí precisamente onde vin por primeira vez as dramáticas imaxes daquel suceso xa lendario. Por aquel entón, sen embargo, preocupado eu polo que sexa que se preocupan os nenos, pouco reparei no asunto.
Logo, cos anos, un vaise dando conta dunha realidade social impresa na nosa cultura, e que deriva precisamente dos feitos acaecidos aquel frío decembro de 1987: os fisterráns que non vivimos aquela traxedia estamos separados por unha opaca liña daqueles outros que poden afirmar aquilo de “eu vivín o do Casón”. Sobre eles pesa tamén a acusación de provocar o caos, de deixarse levar por unha caste de histeria colectiva que, supostamente, demostrouse absurda. Sexa coma sexa, quedaron moitos puntos escuros, moitas incógnitas abertas, moitas preguntas sen resposta. As xeracións posteriores, os fisterráns que nacemos despois daqueles fatídicos días, non coñecemos de primeira man os sentimentos que viviron os nosos veciños daquela, mais a través do que nos contan e do que se fala, sabemos ben que existe unha sensación xeral, unha especie de velo gris que cobre a estancia cando alguén cita o nome do Casón. Por iso non pode ser absurdo o medo e a indefensión dos nosos veciños naqueles días nefastos, arrastrados pola incompetencia, a desvergoña e a ineptitude dos políticos que cubriron os feitos de incertidume e de contradicións aínda hoxe sen resolver.
Pero para comprendelo, para descubrir o motivo polo que este naufraxio foi un dos feitos que máis marcaron a nosa historia recente, é preciso remontarse ó comezo, ó inicio daqueles sete fatídicos días nos que Fisterra tremeu. Comecemos pois voltando a unha xélida e escura noite de decembro do ano 1987.
_____________________
[Sempre tiven a intención de redactar unha cronoloxía dos feitos acontecidos ó redor do Casón, baseándome en escritos, imaxes, vídeos, publicacións e declaracións da época. Desgraciadamente, moitos dos datos cos que conto contradinse entre un medio e outro, entre varias testemuñas, etc. polo que ó final decidín fundamentar o meu traballo na miña experiencia coma narrador, en vez de dirixilo cara á historiografía máis ou menos científica que caracteriza xeralmente este blogue. Por iso, os lectores atoparán aquí un relato de carácter máis ben literario e lírico, coma parece que pide un feito tan forte e tan próximo a nós no tempo. Debo advertir que, aínda que toda a estrutura e os feitos da historia están baseados na realidade, os datos contraditorios resolvinos seguindo un criterio estético, incluíndo detalles que non teñen por que ser parte da realidade, pero que para nada afectan á sucesión dos feitos históricos. Por poñer un exemplo, nin sequera estou moi seguro de que fora Ara Solis o nome do barco da Cruz Vermella que saíu aquela fría mañán do 5 de decembro, mais a necesidade de contar a traxedia dende a óptica dos fisterráns que a viviron obrigoume a levar a cabo o que os escritores chamamos unha "licencia poética", e ó fin e ó cabo ese tipo de detalles, coma xa dixemos, non afectan ó núcleo narrativo. O lector pode seguir a historia, ademais, a través do noso álbume web de Picassa, adicado a esta entrada, e onde aparecen tódalas imaxes reflectidas no artigo. A maioría das imaxes son, coma se fai constar, fotogramas extraídos do programa A Caixa Negra, emitido no ano 2007 pola TVG e que adicou un especial ó Casón].
_________________________
![]() |
| Os membros da Cruz Vermella foron os primeiros fisterráns que viron o Casón, cando aínda estaba sendo remolcado.
Fotograma extraído do programa A Caixa Negra (TVG)
|
O mar tiña fame
Amence lentamente en Fisterra. Son as sete e media da mañán, e o ruxido dun motor solitario quebra a calma das augas do peirao. Os mariñeiros non van ó mar os sábados, mais despois de erguérense toda a súa vida antes da alba, é difícil rachar coa costume e moitos están xa en pé, atentos dende as fiestras ante aquela anomalía: o Ara Solis, barco de salvamento e buque insignia da Cruz Vermella fisterrana dobra a punta do muelle coa tripulación a bordo. A legación local, presidida daquela por Juan Ángel Rivera, acababa de recibir unha confusa chamada dende a Capitanía Marítima, na que se lles ordenaba que saíran ó mar para realizar labouras de apoio ante unha pequena incidencia acontecida en alta mar, a tan só cinco millas da costa fisterrana.
O pequeno barco, capitaneado por Leoncio Domínguez, atravesa a ría namentres comeza a alborexar o día ó outro lado do Pindo, despois dunha xélida e escura noite de decembro. Era un deses días grises de despois do temporal, un deses menceres nos que o mar está especialmente revolto, escuro e incontrolable. Sobre o mar, a xiada do amencer penetra nas roupas e nas carnes, e a tripulación acubíllase en cuberta, detrás da ponte. Unha vendavalada campal somete ó seu dominio as augas da ría e o Ara Solis racha as ondas, brinca sobre elas a unha velocidade inalcanzable para a meirande parte dos barcos da época. Os cachóns sacoden a proa e salpican a cuberta, rabuñando as roupas de aghua e os cabelos dos voluntarios da Cruz Vermella, intrigados ante aquela situación repentina á que se viran de pronto abocados.
En dobrando o Cabo, o capitán Domínguez enfróntase ó primeiro problema: efectua-la manobra no medio daquela surada brutal non era tarefa doada, mais a súa consumada experiencia en ponte fai que o intrépido Ara Solis e a súa tripulación abandonen a ría e atravesen a cruel rompente do Cabo sen incidencias. Pero o mar arrabuña con máis tesón aínda, se cabe, a cuberta do pequeno buque de salvamento, quizais procurando agarrar por sorpresa a algún tripulante despistado. Era evidente que aquel día o terrible e asasino mar de Fisterra tiña fame, unha gula atroz que daquelas horas xa se estaba encargando de saciar.
Por radio seguen chegando as primeiras instrucións, simples e concisas: había que ir ata un punto determinado, a cinco millas da costa de Fisterra, para apoiar ó Remolcanosa V ante unha emerxencia. Pronto comezan a divulgarse entre a tripulación os detalles do asunto: polo visto, un mercante levaba horas sufrindo un incendio na bodega de proa, e o remolcador tivera que facerse cargo do barco por motivos que non estaban aínda aclarados de todo. Os chavales parecen respirar un pouco máis tranquilos: semella unha incidencia de pouco calado, un incendio coma calquera dos que se poden producir nun mercante por moi diversos motivos. Coma moito, terían que encargarse de evacuar á tripulación e deixar que as autoridades marítimas fixeran o resto.
![]() |
| A carga do Casón non estaba a ser transportada coas debidas medidas de seguridade, tendo en conta a perigosidade da carga |
O Ara Solis, co vento de costado e coa axuda dos seus potentes motores, non tarda en achegarse ó punto indicado dende a Costeira. Os voluntarios da Cruz Vermella albiscan por fin o panorama: o Remolcanosa V e o Sertrosa levan unido ás súas estachas un mercante negro de eslora medianeira, medio oxidado e de aspecto pouco estable. O cargueiro avanza tambaleante, a mercé das malvadas ondas do Atlántico que, famento, xoga coa súa presa, olfateando xa o medo e o pánico. Cheo de gula, o señor feudal reclama o seu tributo, e desta volta está disposto a facerse oír, a que todos lembren por que se lle debe respecto. Unha pequena columna de fume xurde das entrañas da besta, ferida de morte, e esvaécese na atmósfera. Non se albisca ninguén: somentes unha gran cantidade de contedores, barrís e outros compartimentos, desordenados e tambaleándose en precario equilibrio sobre a cuberta, polo demais ateigada ata arriba. O silencio fai presa entón dos tripulantes do Ara Solis: son eles os primeiros fisterráns que contemplan o buque, núcleo central daquela traxedia cuio primeiro acto somentes acababa de comezar. Somentes ó achegarse son capaces de ler o nome do barco, escrito en letras brancas sobre o negro do casco: Casón... un nome que ningún deles esquecería no resto das súas vidas.
Segundo se aproximan, o son inconfundible dun helicóptero racha o silencio. A tripulación do aparato semella estar recollendo algo cunha canasta, un bulto informe que retiran da superficie do mar. En cuestión de minutos, os bultos comezan a ser cargados coidadosamente sobre a cuberta do pequeno barco fisterrán, e a verdade terrible do mar cae entón sobre todos, unha vez máis. O Atlántico, ben alimentado xa, permite que lle arrebaten nove corpos, recuperados de entre as súas gadoupas cando aínda non fora quen de extraer todo o calor dos seus despoxos.
Cando os collen, os corpos están quebrados por dentro, dislocados completamente coma bonecas rotas. Son de raza oriental, delgados e con aspecto famento, sen dúbida pobres inocentes explotados ata a extenuación por algún navieiro avaricioso. Todos eles, seguindo as ordes do capitán, saltaran dende a popa cos chalecos salvavidas postos. Ante unha caída de máis de quince metros, sen preparación e sen cursiños de salvamento, os 31 tripulantes do Casón botáranse ó mar á desesperada, entregándose ó Mar Tenebroso sen opor resistencia. Pero o mar somentes tivo que exercer de carroñeiro: sen colocar os brazos na posición de seguridade habitual, o propio chaleco que debía salvalos provocara o dislocamento e a morte inmediata. Desta volta, non era o mar o culpable primeiro.
![]() |
| Os corpos dos mariñeiros mortos foron colocados na lonxa de Fisterra, á vista de todo o mundo
Fotograma extraído do programa A Caixa Negra (TVG)
|
Dezaoito pés descalzos
A nova esténdese como a pólvora polas rúas e os choios de Fisterra, e a xente acode movida pola curiosidade ó peirao para recibir ó Ara Solis, que chega cheo de dor e de morte. Os corpos son descargados na rambla ante a atenta e consternada ollada dos fisterráns que, congregados, interrogan á tripulación na procura de información. Algo oíran xa na radio e na tele, mais os detalles eran aínda descoñecidos. Sabían que un mercante de bandeira panameña estaba a ter problemas a escasas millas de terra, disque por un incendio, mais agora, ante a imaxe dos nove corpos, a gravidade do asunto comezaba a intuírse.
Os cadáveres, empapados aínda en salitre, son ciscados nunha esquina da lonxa, sen que ninguén se preocupe de cubrilos nin de garda-lo decoro que sen dúbida se respectaría de seren mariñeiros fisterráns as víctimas. O feito de que conservaran a totalidade da roupa demostraba que o mar non fixera aínda presa neles, e que foran retirados do mar xusto despois de falecer. Pero nada máis se sabía.
Mentres tanto, os medios de comunicación falan de intensas e escuras negociacións entre o remolcador e a navieira, unhas negociacións que nunca chegarían a bo porto. O Remolcanosa V tiña dúas opcións: podía levar o buque cara ó abrigo dunha ría próxima, o que lle suporía ingresar unha porcentaxe do dez por cento do valor da carga e do flete; ou ben podía embarrancalo e declaralo en sinistro total, o que lle permitiría cobrar o cen por cento. Finalmente, o armador négase a asumir os gastos do rescate, desenténdese do barco e da carga e finalizan as negociacións. O capitán do remolcador toma entón a decisión de cortar a estacha e deixar o barco á súa sorte fronte ás costas de Punta Castelo, preto da praia do Rostro. Alí, nun recodo entre os cantís, o Casón embarranca finalmente nos baixos e queda á mercé do Atlántico. O ruxido que fai a quilla ó esgazarse coma o papel contra os cons é tremendo, e esténdese coma unha sombra pola contorna. É a badalada que anuncia o comezo inevitable da segunda parte da traxedia.
Por Fisterra corre o rumor de que o capitán do Remolcanosa V, impelido polos seus superiores, embarrancara o barco por motivos económicos. El diría despois nunha entrevista que abandonaran ó barco porque lles faltaban as forzas debido á inhalación dos gases que saían da bodega, pero naquel intre nada pode impedir que o malestar comece a se estender pola Vila do Cristo. Os vellos lobos de mar, facendo gala da sabedoría ancestral do mariñeiro, comezan a dicir que foi un suicidio embarrancar o Casón naquel lugar , deixando o buque á mercé dos ventos de sur, que podían empeorar nos días posteriores. Pero ninguén lles fai caso. Ningunha autoridade di nada. Ninguén sabe nada. E así, amparado pola desinformación e o desconcerto, o medo comeza a estender as súas negras gadoupas polas familias de Fisterra, que esa noite durmen intranquilas soñando cun barco descoñecido e dezaoito pés descalzos, xa sen vida, sobre o chan dunha lonxa onde nunca debeu haber nada máis que peixe.
Por Fisterra corre o rumor de que o capitán do Remolcanosa V, impelido polos seus superiores, embarrancara o barco por motivos económicos. El diría despois nunha entrevista que abandonaran ó barco porque lles faltaban as forzas debido á inhalación dos gases que saían da bodega, pero naquel intre nada pode impedir que o malestar comece a se estender pola Vila do Cristo. Os vellos lobos de mar, facendo gala da sabedoría ancestral do mariñeiro, comezan a dicir que foi un suicidio embarrancar o Casón naquel lugar , deixando o buque á mercé dos ventos de sur, que podían empeorar nos días posteriores. Pero ninguén lles fai caso. Ningunha autoridade di nada. Ninguén sabe nada. E así, amparado pola desinformación e o desconcerto, o medo comeza a estender as súas negras gadoupas polas familias de Fisterra, que esa noite durmen intranquilas soñando cun barco descoñecido e dezaoito pés descalzos, xa sen vida, sobre o chan dunha lonxa onde nunca debeu haber nada máis que peixe.
![]() |
| A TVG, aínda nova daquela, fixo un gran traballo de seguemento da crise
Fotograma extraído do programa A Caixa Negra (TVG)
|
Día 2, domingo 6 de decembro
A calma antes da treboada
É a hora do vermú. Os fisterráns saen da misa e baixan ata os bares e tascas coma cada domingo. Desta volta, sen embargo, moitos van na procura de novas, novas que os medios de comunicación non son quen de ofrecer. Estamos nos anos oitenta, e non existen os teléfonos móbiles, nin Internet, nin a televisión por cable. Os veciños teñen que confiar, por tanto, nas sucintas informacións ofrecidas polos escasos canais públicos que se collen en Fisterra.
Pola tarde, os primeiros curiosos chegan ata Punta Castelo para contemplar o corpo moribundo do barco. Polo pronto, parece que o mar está calmo, aburrido xa de xogar con aquel vello cascallo do que sabía que ningunha outra vida podía arrebatar: faise o morto, á espera dunha mellor ocasión para provocar o terror. Quizais o Atlántico intúe que pronto terá o seu momento de gloria. Namentres, a chuvia fai a súa aparición e ábrense os primeiros paraugas no alto do vello castro, que dende milleiros de anos atrás non disfrutara de tanta popularidade.
Hai un silencio espeso na contorna: somentes os imperceptibles remorsos da veciñanza alí congregada, e as retransmisións en directo dos xornalistas quebran a milenaria paz do lugar. O Casón, único protagonista daquela traxedia -coma xa alguén escribiu-, fica a escasos metros de terra, coa quilla chantada indefectiblemente no arneirón. Lixeiramente escorado, xa apenas emite bafos e fumes, pero os contedores e bidóns seguen a pendurar ameazantes nun equilibrio precario: o corremento da carga, facilitado polas nulas medidas de seguridade do barco, provocaran que agora os recipientes ficaran en moreas, sen ningún tipo de protección fronte ó mar: pero o Atlántico dá unha tregua.
Día 3, luns 7 de decembro
A historia do capitán suicida
"Productos químicos", é o único que se sabe da carga do Casón. Na televisión, algún xornalista fala de barrís cunha caveira e dúas tibias cruzadas: máximo nivel de perigosidade. Pola tarde, coñécese xa en tódalas casas de Fisterra o balance final en vidas humanas da traxedia: vintetrés dos trinta e un tripulantes do Casón -todos eles chinos- deixaran as súas vidas o día anterior no Mar de Rostro. Somentes sete afortunados sobreviviron de milagre, perdoados por un mar que sempre quere que sobrevivan testemuñas do seu poderío.
Un coñecido xornalista consegue un intérprete nun restaurante oriental para facilitar a rolda de prensa que se dispoñen a ofrecer os supervivintes, entre eles o segundo de a bordo: o xefe de máquinas é un dos afortunados. O primeiro que se extrae das súas declaracións é que un corremento da carga puido provocar o incendio na bodega de proa, mais non se explica o pánico que se extendeu pola poboación. Os fisterráns asisten atónitos nos fogares e nas tabernas a unhas imaxes de televisión nas que aqueles nove chineses, víctimas sen dúbida da explotación e da escravitude, semellan insinuar que o capitán do Casón, aterrorizado cando soubo o do incendio, ordeara a evacuación do barco sen tentar sequera poñer fin ás escasas lapas da bodega. Lonxe de ser o último en abandonar o buque, como marca o código de honor dos patróns, o contramestre parece indicar que foi dos primeiros en abalanzarse, desesperado, sobre o Atlántico, presa do pavor e da desesperación. Preguntados polo tipo de carga que levaba o Casón, tanto o xefe de máquinas como a mariñeiría supervivinte afirman que somentes o capitán era coñecedor da carga exacta e, polo tanto, con el estaba o segredo baixo as augas do océano.
O silencio invade as cociñas e as lareiras, e nos bares a sombra da incertidume comeza a ser o núcleo de tódalas conversas. ¿Por que o capitán dun mercante abandona barcos e redes e se lanza desesperadamente a unha morte segura por un minúsculo incendio na bodega? ¿Por que somentes el sabía da natureza exacta da carga? ¿Que diaños gardan eses misteriosos bidóns coa caveira e as dúas tibias?
É entón cando, nalgunha taberna da vila, alguén pronuncia o nome de Chernobil. E non é para menos: facía tan só un ano que a famosa central nuclear soviética reventara, provocando unha catástrofe atómica de dimensións históricas. Polo tanto, nunha Europa especialmente sensibilizada ante os riscos da enerxía atómica, calquera outra vila ou cidade tería reaccionado coma o fixo Fisterra.
As autoridades falan pola televisión, intuindo quizais que o medo está a facer presa da poboación. Solicítase unha investigación á Direción Xeral da Mariña Mercante, e o comandante da Mariña da Coruña, Antonio Díaz-Pache, sae á palestra para comunicar que, a través da empresa armadora, saben xa que o Casón transporta produtos químicos e inflamables en moi diversos graos e en cantidades "indeterminadas".
Pola tarde, tómase a primeira medida dende o goberno municipal: a alcaldía ordena evacuar Punta Castelo e impídese o acceso dos curiosos ó lugar. Agora, o teatro está ocupado somentes pola prensa e polos equipos de Salvamento Marítimo e de emerxencias.
A partires dese intre, o pánico faise dono das rúas, tabernas e casas; e esa noite, xa son moitos os que non son quen de conciliar o sono.
Día 4, martes 8 de decembro
Chegan as autoridades
Pola tarde, os primeiros curiosos chegan ata Punta Castelo para contemplar o corpo moribundo do barco. Polo pronto, parece que o mar está calmo, aburrido xa de xogar con aquel vello cascallo do que sabía que ningunha outra vida podía arrebatar: faise o morto, á espera dunha mellor ocasión para provocar o terror. Quizais o Atlántico intúe que pronto terá o seu momento de gloria. Namentres, a chuvia fai a súa aparición e ábrense os primeiros paraugas no alto do vello castro, que dende milleiros de anos atrás non disfrutara de tanta popularidade.
Hai un silencio espeso na contorna: somentes os imperceptibles remorsos da veciñanza alí congregada, e as retransmisións en directo dos xornalistas quebran a milenaria paz do lugar. O Casón, único protagonista daquela traxedia -coma xa alguén escribiu-, fica a escasos metros de terra, coa quilla chantada indefectiblemente no arneirón. Lixeiramente escorado, xa apenas emite bafos e fumes, pero os contedores e bidóns seguen a pendurar ameazantes nun equilibrio precario: o corremento da carga, facilitado polas nulas medidas de seguridade do barco, provocaran que agora os recipientes ficaran en moreas, sen ningún tipo de protección fronte ó mar: pero o Atlántico dá unha tregua.
Día 3, luns 7 de decembro
A historia do capitán suicida
"Productos químicos", é o único que se sabe da carga do Casón. Na televisión, algún xornalista fala de barrís cunha caveira e dúas tibias cruzadas: máximo nivel de perigosidade. Pola tarde, coñécese xa en tódalas casas de Fisterra o balance final en vidas humanas da traxedia: vintetrés dos trinta e un tripulantes do Casón -todos eles chinos- deixaran as súas vidas o día anterior no Mar de Rostro. Somentes sete afortunados sobreviviron de milagre, perdoados por un mar que sempre quere que sobrevivan testemuñas do seu poderío.
Un coñecido xornalista consegue un intérprete nun restaurante oriental para facilitar a rolda de prensa que se dispoñen a ofrecer os supervivintes, entre eles o segundo de a bordo: o xefe de máquinas é un dos afortunados. O primeiro que se extrae das súas declaracións é que un corremento da carga puido provocar o incendio na bodega de proa, mais non se explica o pánico que se extendeu pola poboación. Os fisterráns asisten atónitos nos fogares e nas tabernas a unhas imaxes de televisión nas que aqueles nove chineses, víctimas sen dúbida da explotación e da escravitude, semellan insinuar que o capitán do Casón, aterrorizado cando soubo o do incendio, ordeara a evacuación do barco sen tentar sequera poñer fin ás escasas lapas da bodega. Lonxe de ser o último en abandonar o buque, como marca o código de honor dos patróns, o contramestre parece indicar que foi dos primeiros en abalanzarse, desesperado, sobre o Atlántico, presa do pavor e da desesperación. Preguntados polo tipo de carga que levaba o Casón, tanto o xefe de máquinas como a mariñeiría supervivinte afirman que somentes o capitán era coñecedor da carga exacta e, polo tanto, con el estaba o segredo baixo as augas do océano.
O silencio invade as cociñas e as lareiras, e nos bares a sombra da incertidume comeza a ser o núcleo de tódalas conversas. ¿Por que o capitán dun mercante abandona barcos e redes e se lanza desesperadamente a unha morte segura por un minúsculo incendio na bodega? ¿Por que somentes el sabía da natureza exacta da carga? ¿Que diaños gardan eses misteriosos bidóns coa caveira e as dúas tibias?
É entón cando, nalgunha taberna da vila, alguén pronuncia o nome de Chernobil. E non é para menos: facía tan só un ano que a famosa central nuclear soviética reventara, provocando unha catástrofe atómica de dimensións históricas. Polo tanto, nunha Europa especialmente sensibilizada ante os riscos da enerxía atómica, calquera outra vila ou cidade tería reaccionado coma o fixo Fisterra.
![]() |
| As autoridades desembarcan xusto na zona, e establecen o cuartel xeral no hotel El Hórreo de Corcubión
Fotograma extraído do programa A Caixa Negra (TVG)
|
Pola tarde, tómase a primeira medida dende o goberno municipal: a alcaldía ordena evacuar Punta Castelo e impídese o acceso dos curiosos ó lugar. Agora, o teatro está ocupado somentes pola prensa e polos equipos de Salvamento Marítimo e de emerxencias.
A partires dese intre, o pánico faise dono das rúas, tabernas e casas; e esa noite, xa son moitos os que non son quen de conciliar o sono.
Día 4, martes 8 de decembro
Chegan as autoridades
Finalmente, e despois de duras palabras entre o daquela presidente da Xunta, Fernando González Lage, e o presidente do goberno, Felipe González, os políticos dígnanse a enviar a algunhas autoridades. Non son nin o presidente do goberno, nin o titular da Xunta, nin o ministro, nin tan sequera un mísero conselleiro. Dende arriba prefiren mandar ó Gobernador Civil da Coruña (daquela D. Andrés Moreno Aguilar) en representación do goberno central, e a un home de perfil máis "técnico", e supostamente o que debía dirixir a xestión da crise: o señor José Antonio Madiedo, Director Xeral da Mariña Mercante.
![]() |
| A crise do Casón foi unha das primeiras ocasións nas que Xosé Manuel Beiras fixo alarde do seu apaixoado estilo político
Imaxe: A Caixa Negra (TVG)
|
Ámbolos dous deciden evitar o mal trago de ter que escoitar ó pobo con cuios impostos se pagan os seus inflados salarios, e desembarcan do helicóptero directamente en Punta Castelo, ataviados con grandes chaquetas coma para ir pescar ó Manzanares, e aquelas enormes gafas de sol tan de moda nos oitenta.
A primeira decisión que se toma, anunciada a bombo e platillo polos medios de comunicación, é a creación dunha Comisión de Expertos entre tódalas institucións encargadas da xestión da crise; a saber, a Direción Xeral da Mariña Mercante, a Capitanía Marítima da Coruña, os técnicos da Protección Civil, e o Goberno Civil. O obxectivo: proceder á descarga dos produtos químicos do Casón. Madiedo enfróntase ós técnicos e ós operarios, que se negan a achegarse ó barco. O Director Xeral entra en cólera e arremete contra os seus subordinados: "Si no bajais vosotros que vayan los tripulantes del remolcador. Si no, voy yo. Es preferible quemar una manguera que quemar las horas inútilmente". Finalmente, os operarios decídense a pasar por aquel mal trago canto antes e dar un impulso ás labouras de extinción.
Pero xa é tarde: naquel intre hai algúns políticos da oposición que están comezando a mobilizar á cidadanía, e que esixen información, e sobre todo medidas urxentes que salvagarden a saúde e seguridade da poboación. A Fisterra chegan dous recoñecidos líderes nacionalistas, destinados a seren os únicos defensores da cidadanía naquela crise: dunha banda, Rafael Mouzo, alcalde de Corcubión; doutra, Xosé Manuel Beiras, voceiro nacional do BNG e principal personalidade política do Galeguismo dende Castelao. Convócase unha manifestación de emerxencia ante as portas da Casa do Concello.
![]() |
| O descontento e o temor entre a poboación era evidente tres días despois do naufraxio
Fotograma extraído do programa A Caixa Negra (TVG)
|
Chegan as cámaras. Centos de persoas se congregan ante a casa consistorial esixindo medidas, e sobre todo información. Semella que o pánico xa ten dominada a situación.
Desgraciadamente, a escura sombra da política contamina a que debía ser unha exclamación de indignación colectiva, e uns e outros acúsanse de estaren xogando a prol de intereses políticos. Hai duros cruces de acusacións, e algúns veciños chegan ás mans ante as cámaras da TVG. Os xornalistas recollen o medo e a indefensión: "Non hai dereito que ó cabo de tres días un pueblo coma o de Fisterra non sepa nada. A xente durme tranquilamente pero ó mellor non se levanta". "Aquí vai pasar como pasou aí en Rusia. Non se pode esperar a que morra a xente para tomar unha desisión!". Son somentes algunhas das expresións de pánico, pronunciadas por uns fisterráns cuio medo se albisca nas expresións e nas miradas.
Finalmente, o alcalde dígnase a facer aparición e, cun micrófono, diríxese ó seu pobo: "O pelighro de explosión existe, pero é un pelighro localisado", afirma Don Valentín Castreje (PP), supostamente citando as verbas que lle comunican dende a Comisión de expertos. Algúns veciños incrépano, e acúsano de non mirar polos intereses da vila. Pero Don Valentín insiste: "O riesgho é mínimo! Ojalá non pase nada, nin vai pasar. Ahora, a preocupasión é que haxa mal tempo".
Entón ábrese a caixa dos tronos: un temporal ameaza con azoutar a costa nos próximos días. Mentres tanto, as autoridades non fan absolutamente nada: tras establecer a súa base no hotel El Hórreo de Corcubión (lonxe do corazón da crise, por se acaso), o señor Aguilar e o señor Madiedo adícanse a dar constantes roldas de prensa nas que a improvisación e a contradicción son as notas dominantes. Rafael Mouzo e Beiras son os únicos políticos que arremeten, cara a cara, contra os dous altos cargos. Os líderes nacionalistas acúsanos de estar a piques de provocar o caos pola súa información contradictoria, e pola parálise absoluta que se está amosando dende arriba. Beiras, coa pasión que tan ben o ten caracterizado, pregúntalle ó Director Xeral cal é o motivo polo que o capitán abandonara o barco de xeito desesperado sen esperar sequera a que culminaran as labouras de rescate. Madiedo, co pelo engominado e coa súa particular pronuncia sibilante, afirma con rotundidade: "En ningún modo se justifica que el abandono del capitán significase ese peligro. Justamente, el capitán abandona porque desconoce que esa iluminación, esa deflagración, no se corresponde con un peligro que le obligase a abandonar el barco". Ese tipo de mensaxes incoherentes e contradictorios, retransmitidos en directo pola televisión, incrementan a alarma social e fan que o pánico remate por se apoderar dos homes e mulleres de Fisterra. Nas súas cabezas comeza a xestarse a idea da fuxida, mais os fisterráns sabemos que, cando se ama tanto unha vila, non é doado deixala á súa sorte.
![]() |
| As labouras de baleirado da carga do Casón non comezarían ata que non se coñecese o manifesto de carga
Imaxe extraída do programa A Caixa Negra (TVG)
|
O Director Xeral da Mariña Mercante comparece no peirao de Brens axitando un gran folio con diversos símbolos que el, supostamente, se encarga de interpretar. Trátase do manifesto de carga do Casón, o documento onde se establecen os productos que transporta, e cal é a súa ruta. O primeiro que se sabe é que o barco partira dos portos holandeses de Rotterdam e Amberes, e que debía descargar en Shangai. Era evidente que o Casón era un barco semipirata, cunha tripulación sen preparar, explotada e semiclandestina, cunha carga perigosa sen declarar na súa totalidade e sen as medidas de seguridade que esixe o transporte deste tipo de produtos. Ademais, aínda que nunca se aclarou de todo cal era a navieira e por que motivo nunca foi acusada de nada, o barco tiña bandeira de conveniencia de Panamá; isto é, que o armador, para non ter que pagar os impostos de navegación do seu país de orixe, asignara o buque á flota dun país tercermundista e subdesenrolado no que non había unhas leis marítimas tan evoluidas. A pesares de todas estas evidencias, o señor Madiedo afánase case a berros e cheo de emoción en explicalo todo: afirma que acaba de chegar o documento, aínda que este xa fora solicitado ó principio da crise. Finalmente, pronuncia con énfase e con certa algarabía o nome dun elemento químico de natureza metálica: o sodio. Segundo el, e coma todos deberiamos saber, trátase dun elemento que reacciona violentamente coa auga, e que de seguro foi unha fuga nun dos bidóns o que provocou o primeiro incendio. En suma, e segundo di o Director Xeral na televisión: non hai ningún tipo de perigo.
Pero ninguén lle cre. Era evidente que aquel señor de pelo engominado e acento pijo pouco podía saber do mar e das sorpresas que este adoita deparar cando os humanos nos deixamos levar pola soberbia. Cun temporal a piques de caer sobre a costa, e sen que se precisaran os detalles máis escabrosos do manifesto de carga, a idea de que o sodio rebentaba coa auga non era precisamente tranquilizadora. E máis cando as labouras de baleirado da carga aínda non deran comezo. Era evidente que os señoritos de Madrí tamén estiveran esperando a coñecer o contido dos barrís antes de proceder á descarga, "non vaia ser que se marchiten" -din algúns.
![]() |
| José Antonio Madiedo comparece ante o Casón para acusar ó pobo de Fisterra de alarmista
Imaxe: A Caixa Negra (TVG)
|
Día 5, mércores 9 de decembro
Clamor
Comezan por fin as labouras de descarga do Casón. O señor Madiedo, dende o alto de Punta Castelo, sinala con soberbia ós dous remolcadores con base en Xixón que se encargan de baleirar o perigoso contido do navío: o Punta Salinas e o Alonso Chaves. "Como se puede ver, los operarios están trabajando sin ningún tipo de dificultad respiratoria", afirma. "No se justifica que en un pueblo que está muy lejos de aquí se estén tomando medidas alarmistas y desproporcionadas". Era a primeira acusación das moitas que, nos anos sucesivos, se lanzarían contra a poboación da Fin do Mundo. Se o señor Madiedo tivera a ben, naquel momento, consultar un mapa, tería descuberto que o núcleo de poboación máis próximo ó sinistro (Castromiñán) estaba a tan só setecentos metros do Casón; e que vilas coma Fisterra ou Sardiñeiro ficaban a escasos catro quilómetros do lugar.
Mentres, os fisterráns asisten atónitos á descarga do Casón a través dos televisores: é evidente que os operarios levan mascarillas e bombonas de osíxeno sobre as súas costas. "A quen queren enghañar?!", exclama alguén nunha taberna. Ó medo, pouco a pouco, non lle queda máis remedio que convivir coa indignación.
A prensa, tan desinformada como a cidadanía, acode a expertos independentes, e recala no despacho de Francisco Bermejo, catedrático de Química Analítica e Profesor Emérito da Universidade de Santiago. Ante as cámaras da TVG, o profesor, con bata de laboratorio e cunhas enormes gafas redondas, confesa o que non queren admitir as autoridades: que o sodio, en contacto coa auga, xera hidróxeno, elemento altamente explosivo. Segundo se desprende das declaracións do catedrático, cunha carga de doce mil cincocentos quilos deste metal, un golpe de mar pode provocar unha reacción en cadena da cal se desprenda unha cantidade de hidróxeno tal que poida dar lugar a unha tremenda explosión e a unha nube tóxica de consecuencias nefastas para a saúde humana.
Inmediatamente, a xente sae ás rúas desesperada. Os poucos que seguían facéndolle caso ó señor Madiedo claudican, e recoñecen que vale máis a opinión dun profesor emérito da Universidade, que nada ten que perder e cuia formación e experiencia están avaladas pola súa cátedra, que a de dous políticos cuia sabedoría con respecto ó mar estaba xa máis que posta en entredito.
O amor pola vida pode máis que o amor polo pobo, e ducias de persoas comezan a abandonar a vila. Os buses da compañía Transportes Finisterre, decorados en tons ocres, saen cara A Coruña e cara Santiago completamente a rebosar. As nais, desesperadas, imploran ós afortunados veciños con billete para que leven consigo ós seus fillos, ós que introducen nos buses case polo aire. As escenas, dun dramatismo histórico, son recollidas pola televisión. Por sorte, os irmáns composteláns, ós que estamos unidos por esa arteria vital que é o Camiño Xacobeo, xa facía varias horas que estaban preparados para esta situación. Dende a tarde anterior, e ante a posibilidade dunha evacuación da zona proposta de xeito opaco e sen consecuencias por algún dos membros da Comisión, o Concello de Santiago xa tiña organizado un servizo de acollida e asistencia permanente para os posibles evacuados que foran chegando. Toda unha garantía que agradecen ben os primeiros centos de fisterráns que chegan á capital, sen ningún lugar onde aloxarse e sen ningún outro apoio institucional: nin da Xunta, nin da Deputación, nin do Goberno Central, nin moito menos das autoridades marítimas. A única medida que se executa é a suspensión das clases en tódolos colexios e institutos da zona. Os mariñeiros, moito máis intelixentes que a clase política, xa fai tempo que tomaron a decisión de non ir a faenar: as perdas económicas comezan a ser sangrantes.
Os operarios que baleiran desesperadamente o Casón apresuran mentres tanto as poucas horas de día que quedan, namentres fan a súa aparición novos personaxes nesta traxedia cuio segundo acto está a piques de rematar.
![]() |
| Os dous técnicos holandeses non tranquilizaron á poboación; máis ben o contrario
IMAXE: A Caixa Negra (TVG)
|
É entón, no cénit da desconfianza e da xenreira cara a clase política, cando o goberno central pon en marcha un novo plan. Mentres se descargan os derradeiros barrís antes da chegada do temporal, chegan dous técnicos holandeses. Supostamente, e segundo as palabras de Madiedo e do Gobernador Civil, eran os meirandes técnicos en este tipo de catástrofes que había en Europa, e que foran enviados de modo urxente pola CEE. Primeiro ante o lugar do sinistro, e logo no hotel, aqueles dous xigantescos homes rubios e de ollos azuis reiteran, coma autómatas, as palabras que xa proferiran Madiedo e Aguilar. A idea é clara: xa que as contradicións e a incompetencia dos dous políticos encargados facíaos inútiles para tranquilizar á poboación, quizais dous técnicos mandados dende Europa podían calmar un pouco os ánimos. A mensaxe é a mesma: o sodio non é dañino para as poboacións cercanas. O problema é que xa ninguén fai caso. Cando o poder trata á cidadanía coma un rabaño, é lóxico que se comporte coma tal. De feito, o pobo considérase burlado, insultado: "Como se estes dous mancantes puderan vir a disirnos a nós o que temos que faser", din nunha casa. A indignación é crecente, e xa nada pode parar a espiral de medo e de xenreira.
![]() |
| A rolda de prensa cos holan- deses estivo cargada de tensión
IMAXE: A Caixa Negra (TVG)
|
No hotel, Madiedo convoca unha nova rolda de prensa na que rebentan tódalas tensións. Todo o mundo sabe que aqueles holandeses son uns simples técnicos dunha empresa de Salvamento Marítimo que veñen coa lección ben aprendida. Beiras ergue a voz e pregunta por que se lles fai máis caso a aqueles dous descoñecidos antes que ós vellos lobos de mar do lugar, que xa advertiran do perigo de embarranca-lo buque na costa con risco de vendaval. "O que quero saber é por que estos dous señores son os maiores expertos de Europa!", pregunta. Finalmente, ante as esquivas respostas de Madiedo e Aguilar, e ante as confusas declaracións dos holandeses, a todas luces memorizadas de corrillo, Rafael Mouzo rebenta e todo o país o escoita en directo. De pé, a escasos centímetros de Madiedo, mirándoo directamente ós ollos e sinalándoo co índice de xeito ameazante, exclama: "E que ustedes non teñen nin sequera valentía! Neste país onde pagamos todos, estamos pagando a xente inútil, inepta, incompetente, arriscada, que pon en perigo toda unha poboación. Este non é un caso, é un Casón!". Madiedo torce os beizos e emite unha exclamación de desprezo: "ya, ya...", pero ten que recuar: os xornalistas, os políticos e os poucos cidadáns que alí estan congregados rebentan nunha ovación ante as verbas de Don Rafael, con razón o mellor político endexamais saído desta nosa bisbarra.
![]() |
"Estamos pagando a xente inútil, inepta,
incompetente, arriscada, que pon en perigo
toda unha poboación. Isto non é un caso,
é un Casón!"
Rafael Mouzo
alcalde de Corcubión en 1987 |
Dende as súas casas, os fisterráns contemplan a escena. Nin sequera a mensaxe lanzada dende a Comisión, segundo a cal os barrís dos elementos máis perigosos xa foran retirados, tranquiliza á xente. Esa noite, ninguén durme en Fisterra: o temporal pendura das súas cabezas como a espada de Damocles, e ninguén sabe o que vai pasar ó día seguinte.
Día 6, xoves 10 de decembro
Chega o temporal
Derrotados polos fortes ventos de compoñente sur, os operarios abandonan o entorno do Casón. O temporal esperado toma a batuta, e faise dono e señor da costa. As fortes rachas descontrolan a superficie dun océano que, pletórico, está a piques de asinar o comezo do terceiro e máis terrible acto desta traxedia. Dende o alto de Punta Castelo, os poucos xornalistas e os técnicos que quedan loitan contra o temporal para supervisar o Casón. Nese intre, o barco está a ser pasto dos caprichos do Atlántico: as xigantescas ondas rebentan sobre o casco e sobre a cuberta, e poñen en risco a carga. Os xornalistas e os técnicos van abandonando a zona, e o Casón queda só, abandonado á súa sorte, entregado xa case por completo a unha feroz e valente resistencia numantina, a unha conta atrás que todos saben que pronto rematará. Somentes unha intrépida e valente xornalista nova da TVG e o seu cámara fican alí, a carón do animal ferido, agardando o final esperado para escoitar e dar fe do responso último do Casón.
En Fisterra, a xente olla polas ventanas con semblante preocupado. Saben que a escasos quilómetros unha bomba de reloxería está a piques de rebentar e de poñer en risco a pervivencia da vila e dos seus habitantes. Todos temen que o peor chegue en calquera momento: o Casón é xa xoguete roto en mans dun señor feudal caprichoso e cruel que nunca perdoa. Tarde ou cedo, din os vellos lobos de mar, o Casón claudicará.
Son as 19 horas, e o mar está a piques de executar por fin a súa obra mestra. Coñecendo coma coñecen os fisterráns ó seu vello compañeiro de singraduras, saben ben que todo aquilo non pode rematar senón con foguetes de artificio, e xa está tardando. O mar endexamais perdoa un erro, e desta volta houbera demasiados. Por suposto, o Atlántico, o vello e feroz Atlántico, estaba disposto a gravar a lume nas mentes de todos o motivo polo cal se lle debe pleitesía. Facía moito que non asinaba unha das súas obras de arte, e aquela tarde quería demostrar que vintetrés vidas inocentes non eran suficientes para saciar a súa indomable soberbia. Antes do ataque final, olfatea arredor da súa víctima e esixe pleitesía. Mais o Casón, aquel vello barco que leva sucando as súas augas dezaoito anos, resiste indomable naquel combate a morte, aínda que sabe que pouco queda xa para entrega-las armas: o terceiro acto está a piques de dar comezo, e o director, o único e incontestable director de escea, colle por fin as rendas que ninguén soubera coller.
![]() |
| Unha reacción química en cadea provocada polo contacto do sodio coa auga dá o pistoletazo de saída ó terceiro e máis dramático acto da traxedia
Fotograma extraído do programa A Caixa Negra (TVG)
|
19 horas e dez minutos. O mar de Fisterra, por fin, emite unha derradeira gargallada e berra a orde final de asalto: que non quede nada en pé! Unha xigantesca onda de máis de dez metros de altura abalánzase sobre a cuberta do rendido Casón e a besta, ferida de morte, derrotada, exhausta despois de tantas horas de loita, claudica á fin: o cachón lanza un dos malogrados e oxidados bidóns contra un dos paus da malferida arboladura. Unha fenda no fráxil metal permite a entrada do salgado elemento, e o sodio, en contacto co seu sempiterno inimigo acuático, rebenta no interior do compartimento. A presión lanza disparado o bidón, que cae sobre o mar. O metal desfaise e maléase coas altas temperatura xeradas no seu corazón, e brinca sen control coma unha pedra plana lanzada de canto sobre a superficie da auga.
Pero non é suficiente: o gran señor esixe a rendición total e lanza unha nova onda de dimensións aínda máis xigantescas que a anterior. A escuma indomable barre a cuberta e rebenta as derradeiras defensas, desfacendo uns contedores sobre outros. Outro barril fai entrega da súa carga letal e de novo sae disparado uns metros cara ó ceo por mor da presión xerada no seu interior. Desta volta vai caer sobre o núcleo duro da carga, que baila dun ó outro lado da cuberta; e o Casón, o vello e valente Casón, entrégase finalmente á morte, soñando quizais coas garridas mozas que antano paseaban ó seu carón polos oxidados e decadentes malecóns de Shangai.
![]() |
| Cruz García del Río foi a derradeira xornalista que quedou alí, a única que retransmitiu en directo a terrible explosión do Casón
Fotograma extraído do programa A Caixa Negra (TVG)
|
Aquela tarde só quedaban dúas persoas no alto de Punta Castelo ollando ó Casón. Aqueles derradeiros compañeiros de singradura do vello navío eran a xornalista da TVG Cruz García del Río e o seu cámara. Fai horas que esperan a que algo aconteza. O seu avezado e intrépido olfato xornalístico failles intuir que algo vai pasar, tarde ou cedo, e a súa misión é quedar alí ata o final para contalo, para que quede constancia ante a historia. Pase o que pase: esa é a orde, o destino do xornalista auténtico, do xornalista de verdade, raza hoxe case extinta pero que daquela agasallaba á sociedade da Transición cos seus derradeiros vástagos.
De pronto, un estoupido case imperceptible por riba do bramido das ondas ponos sobreaviso. "Empeza a gravar!" exclama ela. Sabe que pronto dará comezo a emisión en directo do derradeiro espectáculo, e teñen que estar preparados. O segundo dos xigantescos embates barre a cuberta, e a intrépida xornalista e o seu cámara contemplan como un pequeno barril en chamas sae disparado e cae sobre o groso da carga. Por fin, despois de incontables horas de agonía, o Casón sinte a puñalada derradeira no corazón e comeza a epopeia.
A carga rebenta de golpe, e un bafo quente acompañado dun impulso invisible fai retroceder ás dúas únicas testemuñas, que cobren a cara coas mans. A incontrolable carga de milleiros de quilos de produtos químicos inflamables e explosivos entra nun punto de non-retorno e unha reacción en cadena provoca a explosión repentina da terrible santabárbara. O Casón estoupa coma o polvorín que é, cunha deflagración xigantesca e brutal que deixa ós dous últimos humanos no escenario da traxedia coa boca aberta. O cámara apenas é quen de soster o aparato sen que lle trema o pulso, e non sabe se mirar polo obxectivo e enfocar ben a imaxe ou se ollar directamente á besta ferida para gravar na retina aquelas escenas terribles. Os bidóns brincan descontrolados sobre o mar e as lapas comezan a facer presa dos contedores, que rebentan xuntos en brutal agonía.
Os dous últimos xornalistas que quedan sinten as explosións reverberando na súa pel, e o aire semella máis sólido a cada pulso, coma se as ondas expansivas tomaran o control do osíxeno. Tremen os cimentos da antiga fortaleza neria de Punta Castelo baixo os pés dos xornalistas, pero nin sequera a terrible bomba é quen de poñer en dúbida a incontestable eternidade dos muros do castro: el e mailo mar son vellos compañeiros de combate, e este é un mensaxe dirixido somentes ós homes: porque o Casón é cousa deles.
19:30 horas do 10 de decembro de 1987. O sol comeza a poñerse despois dunha dura xornada de incertidume e temporal. Nunha casa calquera do barrio da Atalaia, unha muller pon a ferver a pota con auga. Esa noite vai facer caldeirada de bacallau para cear. De pronto, coma de esguello, parécelle ver un destello pola fiestra da cociña, que dá ó norte. Ábrea e olla con atención cara ó monte da Nave, e parece escoitar ó lonxe o eco dun estoupido. A muller queda paralizada, temendo o peor, e sobre o denso silencio que se alza sobre a vila resoa un novo estoupido, desta volta máis forte aínda. Sobre o macizo da Nave, por riba de San Martiño e do Val de Duio, un novo destello de cor vermella dá o sinal de aviso e unha pequena e case imperceptible columna de fume branco fai acto de presenza. A muller pecha a fiestra e chama a berros polo home: "ensende a televisión que non sei se estará rebentando o barco". Daquela o Casón era aínda "o barco". Os fisterráns non comezarían a chamalo polo seu nome de pía ata tempo despois, cando a traxedia estaba xa asentada con firmeza no imaxinario popular.
O home, que se achega tamén á fiestra e albisca a columna de fume, corre á televisión e acéndea. "Pon na ghallegha!" berra a muller, desesperada. A incertidume e o medo fan presa dela e pensa primeiro nos seus fillos, que xogan arriba no cuarto. Sabe que o mar acaba de gaña-la batalla e que non vai haber piedade para o barco moribundo.
As imaxes que contemplan déixanos petrificados, e quedarían gravadas nas súas retinas ata o derradeiro dos seus días: o mar está a conseguir, finalmente, o seu obxectivo. Unha xigantesca columna de fume xurde das entrañas do Casón e oculta a ponte e a cuberta. Somentes os dous paus emerxen sobre a inmensa fumareda namentres o corazón do vello barco rebenta con tódalas súas forzas, chuspindo lapas tremendas e lanzando anacos de metal en plena combustión a centos de metros de distancia por riba e cara ós lados. O estrondo, digno dunha película de ciencia-ficción, non permite escoitar ben as verbas entrecortadas dunha mulleriña con lentes que, sostendo con firmeza o seu micrófono, non separa os ollos do barco namentres relata o que acontece. As repetidas e violentas ondas expansivas provocan interferencias na cámara.
"Bueno, como ven... como ven, cada vez son... cada vez son máis fortes; fortísimas neste caso... Agora acaba de chegar unha ola enorme... Cada vez son máis fortes! Impresionantes os estoupidos! Neste momento o fume cubre practicamente todo o barco, como estamos a ver... enriba, o oleaxe estase incrementando!"
En efecto, na pantalla os fisterráns asisten atónitos ó espectáculo, tan terrible coma grandioso, das inmensas olas de decenas de metros brincando por enriba da ponte sen o maior esforzo. O Atlántico está pletórico, e impón a súa lei: o salitre chanta con firmeza os dentes na súa presa, incrementando a violencia e volume das deflagracións, que nese intre adquiren un ton épico. Pero o que aterroriza ós fisterráns non son as lapas, nin as explosións -a unha distancia relativamente razoable-, senón a xigantesca columna de fume de cor cobalto e aspecto insalubre que se desprende sen parar da bodega e da cuberta do Casón. O chan treme dende Cée ata Fisterra, coma se as entrañas da terra foran a abrirse de súpeto tragando os montes e os vales; e namentres a noite toma o control, as lapas seguen a medrar. Un fragor coma saído dos sete infernos tinta de vermello o solpor da Fin do Mundo, e a silueta da Nave recórtase sobre un tapiz encarnado, laranxa e amarelo. Dende a vila, os fisterráns escoitan os estértores do Casón, a súa dolorosa e terrible agonía, e comprenden a fachendosa e brutal mensaxe que o mar lles envía, pletórico e enchido de soberbia: "conmigo endexamais estaredes a salvo".
![]() |
| "No hay ningún incendio a bordo"
José Antonio Madiedo
Director Xeral da Mariña Mercante
en 1987
|
E fíxose o caos
"Se ha registrado una especie de flash, pero no hay ningún incendio a bordo". José Antonio Madiedo dá unha rolda de prensa improvisada ante as cámaras da televisión namentres as lapas case se albiscan por riba do Monte da Nave. Efectivamente, non hai ningún incendio a bordo do Casón, pero o certo é que ninguén no seu sano xuizo o calificaría tampouco de "flash": o que hai nese intre son unhas xigantescas e violentas explosións que están a facer tremer a terra en toda a bisbarra. Pero xa poucos seguen pegados á tele, polo que as verbas de Madiedo non son escoitadas: a esa hora ninguén quere escoitar ningunha outra mensaxe de tranquilidade por parte dunhas autoridades que xa demostraran sobradamente a súa incompetencia. Agora tocaba salva-la vida.
O pánico esténdese por Fisterra coma o lume por un regueiro de gasolina, e a xente sae ás rúas. Aterrorizada, desorientada e absolutamente desvalida e abandonada pola man de dios, a vila de Fisterra sae ás rúas no medio do máis absoluto e cinematográfico caos. En plena noite, as escenas de terror e de ansiedade son evidentes. A xente corre pola escuridade das rúas cos petates ó lombo e cos orificios respiratorios cubertos con panos. Os coches atascan as principais arterias da vila entre pitidos e berros cheos de nerviosismo e desesperación, namentres nos carrexos os laios dos nenos e os berros das mulleres sobrepóñense ós lonxanos bramidos do agonizante Casón. A xente anda en pixama e bata correndo polas rúas, e non hai un sorriso, nin unha soa mostra de alegría ou tranquilidade: o terror e o medo xa son os donos e señores absolutos da vella Fisterra. Tódalas portas están abertas e as luces acesas: todo o mundo quere ter as cousas listas para arrincar ser dilación no intre no que se dea a orde.
Mentres tanto, a xente non sabe a onde ir nin a quen preguntar, así que a poboación acode en tropel á única autoridade que coñecen: o seu alcalde. Mais o rexedor nin sequera está, e a Casa do Concello fica nese intre absolutamente sumida no caos. Don Valentín ven de camiño en coche, preguntando polo chivato como están as cousas. Namentres, na Casa Consistorial non hai liña directa coa catástrofe: os únicos medios que as autoridades e a Protección Civil teñen para coñecer o que pasa en Punta Castelo é, ó igual que todos, a través da TVG. Recíbense confusas mensaxes por chivato da Cruz Vermella do Mar, e os empregados do concello adícanse a dar voltas e a poñer as mans na cabeza, mostra do absoluto desgoberno que nese intre, por mor da catástrofe, reinaba en Fisterra. O concello, institución máxima de goberno local e única salvagarda desta poboación milenaria afronta as súas peores horas, quizais, dende o golpe de estado do 36. Naquelas horas sombrías, Fisterra era unha vila sen control e sen goberno, abandonada por tódalas institucións e autoridades á súa sorte. Entón, naqueles intres de desesperación, á sombra dos estoupidos e da ameaza terrible da nube tóxica que se incrementaba sen parar ó ritmo das constantes explosións, Fisterra comeza a evacuarse pola súa conta.
Os fisterráns, respectuosos da lei pero para nada parvos, danse conta de que a súa vida non vale un peso naqueles intres, e que o abandono oficial é unha triste mostra de que deles vai depender a súa supervivencia. Abandonando barcos e redes, fechando as casas a toda presa e arrincando practicamente co posto, a gran maioría toma a decisión de marchar: "Que morran eles!"
No medio daquela situación -moi semellante á que se vive nun bombardeo-, chega o alcalde. A primeira decisión que toma é participar nunha rolda de prensa xunto a Andrés Moreno Aguilar, que se acaba de persoar en Fisterra. Don Valentín convoca á poboación na lonxa, a onde acoden gran número de persoas, desexosas de coñecer o protocolo que o alcalde e o Gobernador Civil lles van dictar. A xente olla ansiosa ó seu alcalde: non hai un sorriso. Todas son expresións da máis absoluta e temerosa incertidume. Mais non hai ningún protocolo de emerxencia, ningunha orde de evacuación, nin sequera unha miserable recomendación: somentes unha nova acusación de histeria colectiva: "En estos momentos se está produciendo una situación de desesperación que, la verdad sea dicha, puede conducir a graves problemas circulatorios", di Moreno Aguilar. Ninguén quixo escoitar máis. O groso da poboación estaba xa nos seus coches, marchando ou a piques de facelo, e ningunha autoridade nin gobernador tiña xa poder para convencer ós fisterráns de que aquilo era unha catástrofe que a piques estaba de poñer en risco as súas vidas e as dos seus fillos. A tremorosa e insegura voz, e os tambaleantes e nerviosos xestos de Moreno Aguilar falaban por si mesmos: era evidente que o goberno tiña a situación completamente fóra de control.
![]() |
"Vaise evacuar Fisterre"
Domingo García Sabell
Delegado do Goberno en 1987
|
Os poucos que nese intre teñen a radio posta escoitan mensaxes que aínda empeoran máis a situación: "me llama gente de mis queridas aldeas gallegas diciéndome que hay niños con llagas en la cara", din nunha emisora estatal. Parece que a prensa tampouco desaproveita a ocasión e aviva o lume, impulsado quizais pola veciñanza dalgunha poboación concreta, desexosa de protagonismo coma logo demostraría na crise do Prestige. Namentres, os fisterráns están todos nas rúas, coas caras tapadas por panos a modo de improvisadas mascarillas. Algúns esixen que se repartan equipos de protección, especialmente para os nenos (mascarillas, roupas axeitadas); outros van máis alá e exclaman que xa están tardando en traer hospitais de campaña con osíxeno e padiolas. Sen dúbida, namentres esperan desesperados a que algún amigo ou familiar teña sitio no coche para fuxir, moitos teñen xa asumido que a catástrofe vai caer sobre eles en calquera intre. A sensación popular, o temor que se extendía polas rúas era o de que, en calquera momento, a nube tóxica alongaría os seus mortíferos dedos sobre a Vila do Cristo, rodeada de escuridade e desorganización, e mataríaos a todos eles e ós seus fillos.
Os máis molestos eran algúns dos veciños da zona de San Vicente de Duio, parroquia máis próxima á catástrofe. "Tivemos que evacuar nós, pola nosa conta; e non hai ninquén que nos digha nada vendo explotar o barco diante dos nosos ollos!", exclama unha anciá de Castromiñán ante as cámaras. A desesperación, o medo e a indefensión están gravados a lume nos seus ollos: a veciñanza do Val de Duio fora a primeira en fuxir. Moitos colleran xa rumbo á cidade máis próxima, outros viñeran a pé ou coa axuda dalgún coche amigo ata a capital municipal, mais todos fuxiran despavoridos sen que ninguén fora ata alí a dicirlles que tiñan que abandonar os seus fogares: as autoridades esquecéranse deles -coma sempre- máis que de ningún outro sector da poboación: as cámaras estaban en Fisterra, pero as aldeas están máis preto de Punta Castelo. A pregunta era sempre a mesma: "Os que fomos alí a mirar o barco e estivemos expostos a el... ¿onde temos que ir para que nos miren?". O medo rozaba xa a paranoia, mais aínda non chegara o cénit do pavor e do pánico. Este estaba a piques de acaecer, culpa por suposto da incompetencia, da ignorancia e da nulidade profesional das autoridades.
Ás 23 horas e quince minutos, Domingo García Sabell, Delegado do Goberno en Galicia, comparece de xeito improvisado na sede do Goberno Civil da Coruña para ler un comunicado. A Xunta de Fernández-Laxe semella ter xa datos sobre a composición da nube tóxica: o fume é nocivo para a saúde, e as explosións non remiten. Polo tanto, e despois de catro horas de explosións e incendios, e cando xa a nube está a pasar por Muxía e Camariñas deixando -supostamente- un rastro de picores e problemas respiratorios, tómase unha decisión. O Delegado do Goberno anuncia formalmente o que todo o mundo esperaba: "Vaise evacuar Fisterre", exclamou García Sabell, coma dicindo "agora si, alarmistas!". Anuncia, asemade, que un total de trescentos autobuses, ampliables ata os setecentos, conformarán o dispositivo de evacuación.
Nun bar de Fisterra, cheo de mariñeiros á espera de novas, faise primeiro un silencio sepulcral. Os vellos lobos de mar míranse os uns ós outros, e logo alguén remata a cervexa e pousa con estrondo a botella enriba da barra. "Todo o mundo fóra!", berra o camareiro. A exclamación esténdese polos carrexos coma o aceite sobre a auga, a modo de "sálvese quen poida!" improvisado. Os peores temores estábanse confirmando, un tras outro, sen que as autoridades puideran facer xa nada.
![]() |
| A preocupación pola saúde dos cativos propiciou algunha das imaxes máis duras e emotivas
Imaxe extraída do programa A Caixa Negra (TVG)
|
A nova de que setecentos autobuses e o exército viñan de camiño para coordinar a evacuación das 15.000 persoas máis próximas á explosión non axudou a tranquilizar os ánimos. Todo o contrario: o volume do despregue, sen precendentes na época, puxo sobreaviso á poboación: se o goberno é quen de facer todo isto, é porque a cousa é grave de verdade.
A evacuación colle por sorpresa ás autoridades dando unha rolda de prensa no hotel El Hórreo. Despois de que a Radio Galega anunciara tamén "Evacuación, xa!", todo o mundo era coñecedor da nova. Excepto Madiedo e Moreno Aguilar. Polo menos, así o revela a face de incredulidade que amosa o Gobernador Civil cando un xornalista lle comunica a decisión que se acaba de tomar dende a Delegación do Goberno e dende a Xunta. A descoordinación e o descontrol quedan patentes, e Moreno Aguilar non ten máis remedio que recoñecer, coa voz entrecortada e tremosorosa, que "no vamos a negar que hubo informaciones contradictorias". Aínda así, insiste en que o perigo é mínimo, e que a decisión é precipitada. Desgraciadamente, a orde xa saíra, e fixérao precisamente por mor dunha recomendación filtrada -parece ser- dende o seu gabinete. Pero dá igual; xa ninguén está mirando a televisión en Fisterra. Nese intre, todos os veciños e veciñas están entregados ó máis absoluto e incontrolable caos. O descontrol, o pánico e as escenas de terror acadan un punto culminante na historia da vila e da bisbarra. As poboacións de Fisterra, Sardiñeiro, Cée, Corcubión e Camariñas son desaloxadas, xunto ó resto de aldeas e lugares situados no radio de avance da nube tóxica, impulsada por un vento de sur que pon a salvo, polo momento, á capital fisterrana.
Os berros e as bágoas teñen agora o poder na Costa da Morte e, coma non podía ser doutro xeito, o perigo ven do mar, un mar que leva xa horas devastando a cuberta do Casón con explosións e incendios de dimensións catastróficas. Os estértores do vello mercante negro son a única banda sonora que se sobrepón ó descontrol e ó caos.
![]() |
| A desesperación é a nota dominan- te nas faces de vellos e novos
IMAXE: A Caixa Negra (TVG)
|
Pero deixemos de lado por un intre a voz deste narrador, que fala de oídas, e fagamos un acto de xustiza dándolle voz ás testemuñas da época: os medios de comunicación locais faranse eco, semanas despois, dos intres de tensión desmedida que se viviron daquela. "No medio dunha completa desorganización por parte dos responsables da Protección Civil, os coches particulares van cheos ata os topes de xente e de enseres, cada un fuxe coma pode, os autobuses destinados no plan de evacuación tardarían nada menos que cinco horas en chegar ó pobo", escribe Damián Cambeiro para O Berrón de Nadal do mesmo ano. Na mesma publicación e no mesmo número, Xan Traba Estévez fala así daqueles terribles momentos: "mentres subía pola rúa arriba en direción ó axuntamento, íame quedando con algunhas expresións da xente. Estes, tan tristes, alarmados e tan comunicativos. Caras que mirabamos pra elas e non facía falla que lle preguntaramos o seu estado de ánimo [...] entrei no axuntamento para mellor e maior información porque a miña familia suplicábame que quería marchar. Aquilo, señores, parecía a embaixada dun país que estalara en guerra. Estaban todos menos os que tiñan que estar e ninguén sabía con verdadeira precisión o que facían e como estaba a situación [...] Imaxínense, señores: estabamos indo a pique e o único que pedía a xente era que lles deran o seu chaleco salvavidas e que soltaran os botes".
Tamén Rafael Mouzo, quizais o político que máis intensamente viviu aquelas horas, falaba para O Berrón meses despois: "Non había ningún plan de evacuación nin tampouco o hai hoxe. Fuximos desorganizadamente [...] foi extraordinariamente intelixente e instintiva [a evacuación popular], porque só a sorte xogou ó noso favor". As súas verbas reflicten a tensión do momento: "durante varias horas asumín a morte e, sobor de todo, temía que fora unha morte lenta e polo tanto de máis sofrimento". Tamén arremetía contra as autoridades, que "ocultaron e disfrazaron todo, houbo centos de contradiccións"; unha opinión que non mudou nada ó longo dos anos: nunhas declaracións para o programa A Caixa Negra da TVG, Mouzo declaraba con rabia "eu os ataquei e os seguirei atacando polo esperpéntico que foi todo. Organizamos o mellor que puidemos para evacuar. O mellor que puidemos nós, pola nosa conta".
![]() |
| Ante os autobuses vivíronse intres de gran tensión, propiciada polo pánico, que acadara xa o seu cénit
Fotograma extraído do programa A Caixa Negra (TVG)
|
E así foi: algúns dos alcaldes saíron ás rúas para dirixir e organizar persoalmente á poboación no medio daquel cataclismo. A xente metíase nos coches de amigos e coñecidos co posto, abandonando á súa sorte as casas nas que viviran toda a vida, as casas nas que naceran e onde naceran os seus fillos; as mesmas onde pode que xa nunca poideran chegar a nacer os seus netos.
As beirarrúas e os arcéns estaban cheos de xente á espera dos autobuses prometidos e que non daban chegado: señoras maiores que choraban coas crianzas nos brazos, mulleres cargadas de petates improvisadamente preparados, homes berrando e facendo sinais a tódolos coches que saían a todo gas cara a recta da Anchoa, rapaces que choraban en pixama, aferrados ás pernas das nais con desesperación. Os afortunados que contaban con vehículo propio cargábano ata os topes con amigos, familiares e coñecidos: víanse os pequenos utilitarios da época ateigados ata con dez ou doce persoas cada un. Ó seu paso, as mulleres clamaban para que algunha alma caritativa tivera a ben levar ós seus fillos pequenos, aínda que fora no colo de alguén. Todo estaba invadido polo pavor e a desesperación máis alarmante.
Unha xigantesca fileira de coches, camións, furgóns, motos e tractores provocan o caos rodado máis absoluto en tódalas estradas que saen da Costa da Morte: os fisterráns abandonan a terra natal, e ollan dende Talón a silueta dunha vila ferida de morte polo seu principal e sempiterno inimigo: o Atlántico, o soberbio e malvado Atlántico que, naqueles intres, segue ocupado en amenizar cos foguetes de artificio a desbandada xeral dos seus súbditos. Coas bágoas invadindo os ollos, non son poucos os que laian dende o máis profundo do seu corazón pola Fisterra amada, aquel soño milenario malogrado, quizais por sempre, pola miseria do mundo moderno. Seis mil anos despois, o home abandona o Promontorium Nerium, e entrega rendido as chaves ó Atlántico conquistador, único e lexítimo dono e señor das terras estremeiras. Fisterra claudica, coma o Casón, e un a un os seus fillos adícanlle o derradeiro responso dende o alto de Talón. Por primeira vez na súa historia, as terras da Fin do Mundo quedan desertas.
A noite máis longa
O silencio vai facendo presa pouco a pouco nos carrexos e rúas da Vila do Cristo, abandonada á súa sorte en aras da vida e da salvación. O seu inmenso legado patrimonial e cultural, froito de seis mil anos de dura e inclemente historia, fica agora nas mans do Exército Español, únicos que patrullan as rúas e prazas; mais tamén dun grupo de escasos fisterráns e fisterranas -a meirande parte deles de idade avanzada- que prefiren quedar. "Se teño que morrer, mellor morrer na miña casa", é unha das frases máis repetidas entre estes improvisados patriotas. Queren estar aquí, presentes ata o final, coma os antergos nerios que entregaron o seu sangue nas derradeiras cidadelas nos intres postreiros dos combates de antano. De ser a última noite das súas vidas, queren ser testemuñas, queren ver cos seus propios ollos a destrución derradeira, o cataclismo último da terra soñada, da inclemente e desagradecida Fin do Mundo, da tan amada coma odiada Fisterra.
![]() |
| Os vehículos invaden tódalas estradas que saen da comarca, provocando o caos máis absoluto
Fotograma extraído do programa A Caixa Negra (TVG)
|
Mentres tanto, o caos trasládase ás principais vías de comunicación, que son presa da máis absoluta desorganización. Moitos prefiren evitar a conxestionada estrada da Coruña e enfían cara Santiago pola comarcal que bordea a costa. Pero tamén en Muros e Noia a veciñanza é testemuña da xigantesca fileira de vehículos de toda clase e condición que fuxen despavoridos da morte e da cada vez máis ameazante devastación. E no medio de tremendo pandemónium, García Sabell comparece de novo ante as cámaras cun novo comunicado da Xunta. Desta volta, o mensaxe ven avalado polas análises realizadas por técnicos autonómicos. "Los niveles de contaminación son no-tóxicos", afirma o Delegado do Goberno con certa retranca, coma dicindo: "¿Que vos dicía eu?". Pasan só tres horas dende o anuncio de evacuación, e este bótase para atrás cunha facilidade pasmosa, cando xa todo o mundo está fóra das súas casas.
Coma non podía ser doutro xeito, a poboación fai caso omiso ante tanta información contraditoria e ante a vergoñenta actuación dunha administración absolutamente incompetente, e o éxodo masivo segue o seu curso.
Os fisterráns están chegando xa ás cidades máis próximas, traendo a mesma face que traerían de vir escapados dunha guerra. A poboación coruñesa e compostelá vólcase na acollida daqueles escapados, que veñen da Fin do Mundo de abandonar os seus fogares e as súas vidas. En Santiago, cidade que xa puxera en marcha un plan de acollida dende facía moitas horas, os estudantes e veciños saen ás rúas para prodigar mostras de ánimo e para aloxar nas súas casas ós que non caben nos improvisados campos de concentración de refuxiados. Tanto alí coma na Coruña, a meirande parte dos evacuados son distribuidos en espazos de carácter público (pavillóns, colexios, naves), en hoteis e casas particulares. Alí aparecen ante as cámaras, apretados e cheos de incertidume. Están a salvo, mais a dor por ter abandonado a terra natal e as casas dos avós fulmínaos e carcómeos por dentro. No medio do desamparo, somentes piden colchonetas para poder deitar ás criaturas e evitarlles así o trastorno de durmir no chan, algo polo que endexamais debería ter que pasar neno ningún.
Entre isto, as contradicións constantes das autoridades, e as imaxes que se vían nas principais estradas da comarca, todo semellaba saído dun país tercermundista. As imaxes da televisión revelaban que España, que remataba de culminar un proceso de transición democrática, aínda non era un Estado moderno, senón un territorio sen lei nin criterio gubernativo ningún, coas mesmas carenzas que os estados en vías de desenrolo de Sudamérica ou África. E, coma sempre, quen o pagaba era o pobo, a cidadanía contribuínte que de nada tiña culpa.
Pola televisión, os refuxiados contemplan o sinistro espectáculo dunha Fisterra deserta. Somentes os cans, inconscientes da derrota, acompañan ós militares na vixiancia, e fan súas -coma sempre- as rúas da vila. Pode que somentes eles sexan quen de durmir tranquilos. O resto, os homes e mulleres, seguen presa da desesperación: somentes as mostras de apoio e de cariño das poboacións de acollida mitiga un pouco a dor e a incertidume.
No medio dun dos improvisados campos de refuxiados da Coruña, unha anciá intenta durmir ós seus netos cun par de arrolos. Aquela noite as oracións fúndense a partes iguais coas pregarias ó Santo Cristo, que vela tranquilo coma sempre, gardando coma sempre os últimos resquicios de Fisterra dende o alto de Corveiro. Os fisterráns saben ben que somentes el foi capaz unha vez de calmar ó océano asasino, e téñeno presente.
Pero esa noite, poucos son quen de conciliar o sono. A meirande parte está pegada á televisión ou á radio, únicos salvavidas informativos no medio daquela treboada institucional e administrativa, ademais de metereolóxica. Fisterra, mentres tanto, durme soa. Os seus fillos están lonxe, sufrindo o desarraigo de vérense afastados da terra natal por algo do que nunca tiveron culpa, e do que xa avisaran con tempo. Aquela foi a noite máis longa.
Día 7, venres 11 de decembro
Os primeiros retornados
Ó amencer, o Casón xa non arde. Toda a súa mortífera carga voara polos aires ou se disolvera na auga. Aquela mañán do 11 de decembro o temporal seguía a sacudi-la costa, pero facía xa horas que agotara toda a carga explosiva do Casón. Agora o mar contempla con fachenda a súa obra culminada: o vello casco do barco fica partido en dous: somentes se albiscan a proa, a arboladura e o castelo de popa, unidos por unha cuberta xa inexistente atravesada polo mar. O océano venceu, e agora xoguetea co sinistro cadaleito daquel vello barco co que todo comezara. No corazón do Casón fica un inmenso baleiro, a modo de cráter, que revela o lugar da explosión.
![]() |
| Os bidóns do Casón protagonizaron o triste epílogo da catástrofe
IMAXE: A Caixa Negra
(TVG)
|
Os máis madrugadores deciden voltar canto antes. Á luz do día, todo semella máis doado e o medo comeza a ser derrotado polas ganas de regresar. Os sentimentos dese intre reflícteos moi ben Damián Cambeiro na súa completa crónica para O Berrón: "O día nacía ledo, mais eles tornaban tristes; o perigo aínda non estaba totalmente erradicado, mais isto coido que non era o que lles preocupaba realmente: a tristura ía neles pola experiencia vivida, pola frustración, pola humillación, pola impotencia e a rabia contida. Tornaban ó pobo e apreciaban, quizais máis que de costume, a súa fermosura nos verdes montes, nos mares azuis e no gris do ceo". O mesmo pobo que a tarde anterior emitira o derradeiro responso voltaba agora, horas despois, polo mesmo lugar por onde marchara. Só foi unha noite, nin sequera unha noite enteira. Dende Talón, os primeiros en chegar contemplan a silueta familiar, quizais máis fermosa que nunca, do vello promontorio dos nerios. Ós seus pés, a Vila do Cristo esperta dunha noite estraña, inexplicable. O temporal segue a azoutar as súas esgrevias costas coa mesma intensidade que a noite anterior, mais hai un silencio, unha tranquilidade inusual. Somentes un corvo mariño ergue o vó dende as furnas de Talón e pérdese ó outro lado do Monte Seoane: os animais son os primeiros en tomar posesión das ruínas da traxedia. Mentres tanto, os primeiros fisterráns en volver contemplan coma colonos en terra descoñecida a silueta da vila natal. Unha raiola de sol consegue atravesar as duras e metálicas nubes que coroan o Monte do Cabo, iluminando durante uns minutos a cortiza da vila. O vermello dos tellados e a humidade da pedra semellan refulxir ó lonxe, sobre a perenne silueta do espigón do porto. Fisterra parece estar a salvo, e dos beizos dos retornados escápase unha esquiva e disimulada pregaria de perdón. Nunca o mar tivo a victoria derradeira. Nunca duraron moito as conquistas do Atlántico.
![]() |
| Os veciños de Guitiriz bloquean o paso dos bidóns ó día seguinte da evacuación. O conflito trasládase
Fotograma extraído do programa A Caixa Negra (TVG)
|
Aquela mañán os bidóns arrincan dende o Porto de Brens, depositados alí dende que foran rescatados do Casón antes da explosión. O goberno afirmaba que salvara 250 dos bidóns máis perigosos, que agora ían ser depositados nunha base militar sen concretar antes de ser devoltos a Holanda por mar. Madiedo, que anuncia a medida por televisión, gárdase ben de revelar o itinerario.
Pola tarde, a TVG anuncia o comezo do derradeiro dos actos desta traxedia inacabable. Polo visto, os camións que transportan os bidóns fican bloqueados á altura de concello lucense de Guitiriz. A poboación, sabedora de que a base militar de Parga (sita en dito concello) é o primeiro destino da mortífera carga, sae ás rúas e monta barricadas de varias toneladas na estrada nacional. Non están dispostos a que a saúde dos seus fillos se poña en risco. Baixo o lema de "Non os queremos!", a veciñanza enfróntase á violenta, descoordinada e trasnoitada policía posfranquista, que realiza varias cargas e provoca ducias de feridos. Dá comezo o triste epílogo da traxedia do Casón.
Epílogo
As outras vintetrés víctimas do Casón
Dous días despois, e mentres os fisterráns voltan ás súas casas pouco a pouco, os bidóns amencen nas portas da factoría de Alúmina-Aluminio en San Ciprián. A intención é cargar no seu porto aqueles últimos restos do Casón con destino a Holanda. O Comité de Empresa chega a un acordo coa patroal para que a planta sexa evacuada mentres se cargan os bidóns. Finalmente, os directivos da empresa -en connivencia do Goberno Civil de Lugo- incumplen o acordo e móntase unha tremenda liorta entre os traballadores e a policía. Os representantes dos sindicatos chaman á folga e á desobediencia civil, e ármanse barricadas. A veciñanza da Mariña apoia ós traballadores nas rúas con violentos enfrontamentos coa policía, instigada pola chiringuitada do goberno central en Galicia. Finalmente, e de novo co apoio das autoridades e da corrupta xustiza deste país, 109 traballadores son despedidos impunemente cando as máquinas teñen que ser paradas e se provoca o cataclismo total da cadea de producción.
O conflito duraría aínda días. A empresa tivo que readmitir á maioría dos traballadores despedidos por mor dos recursos presentados ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Foron os membros do Comité de Empresa as derradeiras víctimas do Casón: sen que os seus recursos foran estimados, a xustiza e a cobiza da patroal condenou ó paro os vintetrés sindicalistas. Hoxe sábese que aquela catástrofe permitiu a Alúmina-Aluminio levar a cabo a modernización das súas instalacións e o incremento da súa produción. Ademais, os conflitos foron a escusa perfecta para executar un golpe mortal sobre o sindicalismo no seo da empresa, e permitíronse así o luxo de desfacerse dos empregados máis conflitivos. Ó final, a traxedia remata coa mesma cifra coa que comezara: tanto os vintetrés mariñeiros mortos o primeiro día, coma os vintetrés traballadores despedidos o derradeiro foron as principais víctimas dos bidóns do Casón.
En canto ó barco, nas semanas seguintes foi desmontado no lugar do sinistro por unha xigantesca grúa que trouxeron tamén -coma non podía ser doutro xeito- de Holanda. Era, polo visto, o aparato destas características máis grande de Europa, e o seu cometido era silenciar a traxedia despedazando a principal proba: o cadaleito do propio Casón. Pouco a pouco, fórono desguazando e o vello barco desapareceu baixo as augas do Mar de Rostro. O último baleirado realizouse nos noventa, cando se recolleron os últimos restos da carga, e se rescatou tamén a áncora que logo sería colocada a modo de homenaxe no peirao. Aínda lembro os derradeiros bidóns do Casón nas ramblas do muelle: oxidados, corroídos e deformados despois de case dez anos baixo as augas, eran unha triste reminiscencia da traxedia.
Nas semanas sucesivas, a poboación de Fisterra sería acusada de alarmista, e de ter sido víctima dunha histeria colectiva que escureceu a xestión dos organismos competentes. Pero aquí, na propia Fisterra onde todo se viviu, non opinan o mesmo. A veciñanza ten claro que o seu comportamento foi consecuencia da nefasta e contradictoria xestión das autoridades. O esperpéntico do asunto aínda se intúe cando vemos os vídeos e a prensa da época. A xente, sensibilizada especialmente daquela cos riscos da enerxía atómica e da guerra química, foi vítima dunha espiral de medo e de terror propiciada pola evidente e incomprensible ignorancia dos organismos que supostamente tiñan que poñelos a salvo. Os fisterráns foron os primeiros en dicir que aquel barco non podía ser embarrancado entre os cantís de Rostro con vento de vendaval e en pleno decembro. Hoxe sábese que aquel primeiro erro puido responder á cobiza da empresa de Salvamento Marítimo, que instou ós oficiais do remolcador para que o declararan en sinistro total e deste xeito cobrar o cen por cen do valor da carga e do flete.
![]() |
| O día despois das explosións, o Casón segue a ser xoguete das olas. A cuberta desapareceu case por completo e pouco queda xa da nefasta carga
IMAXE: Fuentes
|
No tocante á natureza da carga do Casón, quizais asunto nuclear en toda esta crise, as autoridades manteñen o mesmo silencio que mantiñan daquela. Aínda hoxe non se sabe en Fisterra o que respiraron os seus pulmóns e o que comeron os peixes que logo eles farían en cachelada ou caldeirada.
O medo ós productos de natureza radiactiva, que provocara a explosión de pánico, fora espoleado pola prensa italiana e inglesa, se ben pénsase que puido obedecer a intereses económicos: unha falsa alarma sobre a riqueza marisqueira e pesqueira de Galicia ía danar sen remedio o bo nome do sector en Europa, cando este aínda non fora impunemente destruido e desguazado pola Unión Europea e as súas cotas negociadas en Madrid. Isto, supostamente, favorecería outros mercados menores, aínda hoxe mimados polos comedebaldes de Bruselas.
O famoso Informe Bermejo, elaborado polo insigne catedrático a instancias do Concello de Cée, e que foi emitido días despois da traxedia, revela os datos máis preocupantes da carga do Casón: segundo o profesor da USC, a cor do fume durante a explosión revela que houbo máis que sodio ardendo aquel día, aínda que de seguro foi este elemento o que provocou a reacción en cadea. O sodio metálico (que representaba unha gran parte da carga cunha cantidade de case 12.500 quilos), ademais, é moi perigoso en grandes cantidades, pois ó contacto coa auga pode producir hidróxeno -altamente explosivo e contaminante-, sosa cáustica -de natureza corrosiva-, e mesmo cianuro de sodio -veneno letal-. Entre os exóticos agasallos do Casón atopábanse produtos máis ou menos tóxicos, entre os cales figuraban algúns de perigosidade máxima. Así, o o-cresol (110 toneladas en 500 bidóns) é unha sustancia tóxica por contacto, por inhalación ou inxestión. En estado líquido dilúese na auga facéndoa tóxica. As 50 tn. de ácido ftálico, en pó e trasladado en sacos, de seguro se esvaeceron na explosión e pasaron ó aire. É altamente irritante e os seus vapores son inflamables e incluso explosivos. A anilina, outro dos pasaxeiros máis problemáticos do Casón, ía en 434 bidóns cun total de 58 tn. Trátase dunha substancia tóxica de tódolos xeitos posibles, de carácter oleoso e polo tanto imposible de disolver na auga. O seu elevado punto de ebullición por riba dos 100 graos fai que sexa moi difícil a súa evaporación, polo que de seguro foi un dos produtos que máis contaminou as nosas augas. Tamén as 250 tn. de xilenos en 1.123 bidóns, ou o acrilato de butilo (en 430 bidóns) quedarían durante meses boiando a media auga, pois son outras substancias oleosas ás que lle custa moito esvaecerse e tamén de carácter tóxico. Os butanoles (1.007 bidóns), pentanoles (3.620 quilos), e o metil-buteno (5 bidóns) son materiales con elevados puntos de ebullición, inmiscibles en auga e polo tanto sabe dios o tempo que durarían nos nosos mares. Son tamén tóxicos, algúns con vapores inflamables. A isto hai que sumar os case novecentos quilos de ácido sulfúrico, as 32 toneladas de adhesivos e pegamentos, un contedor de pintura, os 33 quilos de aerosoles ou os "líquidos inflamables" sen precisar que constituían unha parte importante da carga e que podían conter a vertente oculta e máis perigosa do Casón: 86 bidóns con máis de 4.700 quilos. En suma, estímase que o Casón levaba 1.100 toneladas da máis variopinta e miscelánea carga química.
A conclusión que extrae Bermejo é que, aínda que non se poida evaluar de xeito concreto e ben delimitado os efectos destes produtos sobre a natureza e sobre o ser humano neste acidente concreto, está claro que son elementos moi perigosos, a meirande parte deles insolubles en auga e polo tanto moi difíciles de eliminar polo océano. Ó fin e ó cabo, no mundo nada se destrúe por completo. Outra das conclusións que saca é que, a todas luces, a carga ía revestida de insuficientes medidas de seguridade. Parece mentira que este tipo de produtos puideran pasar a cinco millas da costa, sen medidas de seguridade e sobre un vello cascallo oxidado cunha tripulación inexperta e explotada e con bandeira de conveniencia. Coma ben di Bermejo, "el sodio debe transportarse envasado en condiciones de seguridad y en recipientes adecuados con fuerte resistencia al agua, ya que es obligado en el transporte marítimo que el sodio se estibe sobre cubierta; con lo cual no hace falta ser profesional para deducir que lo que va sobre cubierta, sobre todo en invierno, podrá mojarse todos los días, con agua dulce o salada o con las dos. Un recipiente con sodio no debe reaccionar porque llueva sobre él, lo moje un golpe de mar o se caiga por la borda. Cuando ocurre lo que se vio es que el embalaje no era el adecuado o se había deteriorado anteriormente".
![]() |
| Escenas dos traballos de desguace da parte visible do buque, cuio pecio se mantén no seu lugar
FOTOS: Dolores Pazos
|
En todo caso, nunca ningunha autoridade quixo recoñecer o dano físico sobre a poboación. Fixéronse estudos sobre a incidencia do cancro en Fisterra, mais os resultados oficiais non aportan nada concluínte. É certo que algúns médicos da vila, coma o doutor Juan Sánchez, afirman que nunca viran tanta incidencia de cancro de estómago e doutras partes do aparello dixestivo coma en Fisterra, mais tampouco hai xeito de demostrar que se deba ós aromáticos efluvios do Casón. Así e todo, está claro que eses produtos remataron por esvaecerse no aire e, o que é aínda peor, na auga, onde pasarían a formar parte do abanico alimenticio das innumerables especies mariñas da nosa costa.
Era perigosa a carga do Casón?
Esa foi ata o de agora, e seguirá sendo, a pregunta máis importante. Está claro que foi gracias á sorte, que xogou a favor da poboación, polo que non chegou a pasar nada de xeito directo. Tamén gracias ás decisións tomadas de xeito colectivo e popular (como as primeiras evacuacións), que salvagardaron á cidadanía (especialmente ós nenos). De feito, de terse deixado levar a xente pola errática traxectoria dunha administración visible e enteiramente corrupta, de seguro que a nube tería caído de cheo sobre a poboación das vilas máis ó norte. Ó fin e ó cabo, non é necesario ser catedrático para saber que aquela nube, xerada a partires da combustión de tan variada gama de productos perigosísimos para a saúde, non podía ser inocua. Era tóxica, e punto. As autoridades non poden permitir que a poboación estea exposta a tan malignos efluvios, sexan máis ou menos mortais, polo que a evacuación tiña que terse levado a cabo antes do temporal, con calma e cunha organización centralizada. Non se pode esperar ó primeiro morto para actuar, coma se fai en España tan a miúdo. A descarga dos bidóns tiña que ter comezado antes, coa poboación completamente informada da natureza e características de toda a carga.
Pero todo isto non teriamos que lamentalo se a primeira decisión que se tomou tivese sido diferente. Embarranca-lo barco entre os cantís en plena vendavalada, poñendo en perigo a toda a poboación por unha cuestión meramente económica foi unha idea nefasta que parece mentira que non levara por diante a ninguén, e máis cando toda a mariñeiría de Fisterra clamaba que aquilo era un despropósito. O capitán do Remolcanosa e os seus superiores deberían ter sido os primeiros botados a patadas á rúa por semellante falta de criterio e de honor nas tarefas de salvamento. Xente así non pode vixiar os nosos mares.
Tampouco houbo dimisións de ningún tipo na clase política, o que di bastante da profundidade coa que está asentada a corrupción nas nosas institucións. O que si se foi facendo, pouco a pouco, foi retocar a lexislación referida ó tráfico marítimo, aínda que os cambios máis significativos non se poñerían sobre a mesa ata o seguinte desastre. Claro que, para aquela, o chapapote chegaba xa até as portas dos chalés das súas señorías, e foi máis difícil de obviar.
Durante a traxedia do Casón, sen embargo, a poboación de Fisterra foi sucesiva e reiteradamente ninguneada, desprestixiada, desprezada e humillada por catro politicuchos engominados, cuia incompetencia, ademais de manifesta, era xa perigosa para a saúde pública. O desprezo co que as autoridades "competentes" trataron en todo intre á cidadanía, e a multiplicidade dos erros e contradicións foi tal, que pode que a día de hoxe a alguén se lle coe aínda a face do señor Madiedo e a súa voz lixeiramente sibilante nos seus máis recónditos pesadelos. Pero ninguén pediu xamais disculpas polo dano psicolóxico -este si doado de demostrar empiricamente- ó que se someteu a toda a bisbarra. Porque non se pode paga-lo medo, nin a incertidume, nin a indefensión. Non se pode poñer prezo ás lembranzas.
Un esquelete a flor de auga
O pecio do Casón está a un metro da superficie con marea baixa. Polo menos o castelo de popa, unha das poucas cousas que se conservan ademais de láminas metálicas, cadeas, as bases da arboladura e, ata fai pouco, algún que outro bidón desfeito. Pasaron xa case vintecinco anos, e o mar semella contento coa parte que lle toca: cando se desguazou o buque, mantívose o armazón máis innecesario, que fica aínda alí. Semella que o mar non fai entrega dos últimos restos, firmemente cravados na rocha do fondo coma dende aquela nefasta mañán do 5 de decembro de 1987. Unha empresa de buceo leva a cabo a día de hoxe excursións ata o pecio do Casón. De seguro que poderán confirmar que a vida xa fixo presa do metal oxidado, e que hoxe o nefasto barco é un criadeiro de seres vivos de toda clase e condición. É o destino dos pecios: o mar non quere o seu tributo para gardalo en silencio, senón para facer do equilibrio da vida a nota predominante.
Ó longo da historia, o fisterrán aprendeu que o mar é un compañeiro de batallas moi difícil de levar. A existencia na fronteira última da terra está supeditada ós seus máis íntimos caprichos, mais segue a ser o dono e señor dos fisterráns. Del depende a nosa vida, o noso sustento, a nosa historia e a nosa cultura... en definitiva, a nosa identidade coma pobo. Sen embargo, o prezo que hai que pagar é moi elevado. Xeralmente, son só uns poucos desafortunados e as súas familias os que pagan o fatal tributo de vez en cando, mais hai veces, cando os erros dos homes son tan lacerantes e vergoñentos, nas que o mar non ten máis remedio que facerse respectar.
O Casón é un bo exemplo: os sete días nos que o mar provocou o terror e o caos na terra, atentando non só contra os mariñeiros -as súas víctimas de sempre-, senón tamén contra anciáns, mulleres e nenos. Por iso mesmo, atendendo ós feitos do pasado tan marcados a lume nas nosas mentes, é coma debemos avanzar coma pobo: cando as relacións entre o home e o mar se xestionan dende a meseta, dende o interior, as cousas sempre acaban mal. En Galicia sabémolo ben, pero ninguén se atreve a deixarnos a xestión a nós, ós galegos da costa, ós que de verdade entendemos do mar. Non permiten que vixiemos e coidamos da nosa delicada e milenaria relación co mar; non deixan que fagamos ben o noso traballo porque iso, desgraciadamente, non interesa ós mercados bursátiles. Porque un quilo de fanecas non cotiza en bolsa. O crudo e o fuel si.
Por iso, seguiremos pagando con sangue e con fame cada erro dos ignorantes, dos incompetentes, dos corruptos; seguiremos pagando cada equivocación daqueles que saben do mar somentes por veraneo, e que sen embargo queren dominar o océano para convertelo nun negocio máis a prol de tres ou catro. Seguiremos pagando, porque mentres o home siga a impoñer con soberbia o seu dominio sobre os mares, nunca estaremos a salvo. E os que o dubidan, deberían lembrar novembro do 2002: esa é a proba.
![]() |
Esquela humorística cos actos celebrados ó ano seguinte da catástrofe
Cedido por Roberto X. Traba
|
______________________________________
Fontes
> CAMBEIRO RODRÍGUEZ, Damián. "A traxedia histórica do buque <> CAMBEIRO RODRÍGUEZ, Damián e CARRILLO UGARTE, José Fernando. "O Casón dous anos despois, entrevista a D. Rafael Mouzo, alcalde de Corcubión", en O Berrón, Centro Cultural e Recreativo de Fisterra. Nº8
> COTELO, María del Carmen. "Los vecinos temen que el <
> EIROA, Eduardo. "La errática travesía del <
> NEIRA, Claudia. "O Casón: a memoria oxidada", en www.Galiciaé.com, 5 de decembro de 2007
> PALMOU, Ángel. "La misteriosa carga del Casón" en Ola Negra, especial de La Voz de Galicia sobre o Prestige. Novembro 2002, A Coruña
> TRABA ESTÉVEZ, Xan. "Cando non nos fan nin <
> TVG. A Caixa Negra: O Casón, documental dirixido por Fernando González, "Gonzo"; emitido no ano 2007. Enlace 1. Enlace 2. Enlace 3. Enlace 4. Enlace 5
_________________________
Agradecementos
Teño que agradecer especialmente a colaboración de Roberto X. Traba que, ademais do Informe Bermejo, puxo nas miñas mans diversa documentación da época coa que puiden cubrir algúns baleiros na historia
______________________
Artigos relacionados
- GRANDES TEMAS> Naufraxios e outras traxedias no mar
- GRANDES TEMAS> Luces na Fin da Terra (sobre o Faro de Fisterra)


































0 opinións:
Postar um comentário